lunes, 25 de julio de 2011

FERMOSO XESTO DE XERARDO CONDE ROA

Por vez primeira, un alcalde
de Santiago de Compostela
asiste á Ofrenda do Apóstolo
co traxe tradicional galego

Xerardo Conde Roa, Alcalde de Santiago de Compostela


            O alcalde de Santiago de Compostela, Xerardo Conde Roa, asisitiu hoxe vestido co traxe tradicional galego de garda á Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago. Segundo confirmaron fontes do propio concello compostelán, trátase da primeira vez que un rexedor da capital de Galicia utiliza esta indumentaria durante a cerimonia do 25 de Xullo, Dia de Santiago e de Galicia. 

Co presidente da Xunta de Galicia e a autoridade militar

Informouse, asímesmo, que o traxe utilizado esta mañá polo alcalde nas cerimonias relixiosa e civil é o tradicional de garda (o utilizado para domingos e festivos) da zona do viciño Val da Mahía. Foi confeccionado en pano negro e conta con tirolas, chambra, chaleque e chaqueta. Leva terciopelo negro e está adornado con botós prateados e uns mínimos bordados.

Co Presidente Núñez Feijóo e a Presidenta do Parlamento de Galicia

Ademais do alcalde e da delegada rexia, que este ano foi a Presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, participaron nos actos da Ofrenda ao Apóstolo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo Nieto; conselleiros do Goberno galego; membros da Corporación compostelá e outras autoridades civís, académicas, militares e relixiosas.

A Presidenta do Parlamento e Delegada Rexia saúda ó Alcalde

A OFRENDA

A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, realizou a tradicional Ofrenda Naciona ao Apóstolo Santiago no nome da Súa Maxestade El Rei. Na mesma, lembrou especialmente a crise económica e demandou do Santo Patrón de Espoaña o seu amparo para os afectados pola mesma e o acerto dos gobernantes para saír desta situación.

A Delegada Rexia, Pilar Rojo, comezou a súa intervención desexando "profundamente" a recuperación do Códice Calixtino, que amigos do alleo levaron recentemente da catedral, e lembrando a longa tradición de Compostela como "cidade universal" e forxadora dun "espírito de tolerancia e concordia que modelou a forma de ser do pobo galego". Repasando os 800 anos de historia da Catedral, recordou que "a Europa da tolerancia, da democracia e dos dereitos da cidadanía, que tivo neste santuario a súa primeira meta espiritual e cultural, viviu moitos momentos de dificultade e de desalento, dos que saímos grazas ao esforzo e á ilusión conxunta", engadiu.

Hoxe, dixo, "vivimos inmersos nunha grave crise económica que ten como principal consecuencia o desemprego que afecta a moitas familias". Acordouse de mulleres e mozos como os máis afectados por esta crise e recoñeceu que a mesma é "causa de desalento e incertidume para unha parte importante dos nosos concidadáns".

Recepción en honor da Delegada Rexia no Pazo de Raxoi

Por todo, a Delegada Rexia expresou a súa confianza en que "sexamos quen de articular solucións para as graves dificultades cotiás ás que nos enfrontamos. Solucións que, seino ben, deben nacer do esforzo conxunto de todos nós, solucións coas que poidamos construír un futuro máis xeneroso e solidario". Neste sentido, pregoulle ao Apóstolo que guíe os nosos gobernantes, para que sexan quen de adoptar decisións sabias e acaídas ás necesidades do momento. Que o ben común sexa a guía de cantas medidas se acorden".

A Ofrenda tivo momentos para demandar a intercesión do Santo para orientar ás familias como "xérmolo de convivencia e de respecto", para erradicar a violencia contra as mulleres e para alentar á xuventude a que "valore e tire proveito da educación que se lle ofrece como a fórmula máis válida para asegurar un futuro de plenitude persoal e profesional". E, en síntese, pregoulle para que axude á humanidade a "eliminar os máis graves problemas que se nos presentan, as guerras, a violencia en todas as súas manifestacións, a fame, as formas diversas de escravitude moderna e o terrorismo, azoutes particularmente dolorosos na época que vivimos".
Monseñor Barrio, Arcebispo de Santiago, recibe á Delegada

Na súa homilía, o arcebispo compostelán, Xulián Barrio, solicitou unha "Europa aberta á fraternidade" e, para saír da crise económica, reclamou un cambio "no noso interior". En calquera caso, pediulle ao Apóstolo polas persoas máis afectadas, para que poidan recuperar a confianza.

Monseñor Barrio tamén lembrou "as persoas que morreron como consecuencia do terrorismo sempre irracional", e pregou polos "gobernantes e por todo os que están ofrecendo os seus mellores esforzos para o lograr o ben común e construír unha sociedade mellor".

A Delegada Rexia pasa revista ás forzas que lle renderon honores

Antes da cerimonia relixiosa, a Delegada Rexia pasou revista ás tropas que lle renderon honores na praza do Obradoiro e saudou ás autoridades, que encabezaba o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Finalizada a Santa Misa, Pilar Rojo dirixiuse ao Pazo de Raxoi, onde asinou no Libro de Honra e realizou unha breve intervención na recepción que ofreceu o Concello de Santiago.

Pilar Rojo puxo a súa sinatura no Libro de Honra

(Con información do Concello de Santiago)
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario