viernes, 29 de julio de 2011

O COMPOSITOR DOS EMIGRANTES

O MÚSICO MANUEL MUÑIZ
FINOU HOXE EN SANTIAGO


DURANTE CINCUENTA ANOS FOI DIRECTOR DA ORQUESTRA COMPOSTELA


LANZOU A ANA KIRO COMO CANTANTE GALEGA CON “GALICIA, TERRA MEIGA”


Ás catro e media da tarde deste venres, vintenove de xullo, no seu fogar compostelán da rúa Xeneral Pardiñas, deixaba de existir o mestre Manuel Muñiz. Estaban a súa beira a súa compañeira de toda a vida, Mari Carme Mallo, a gran señora que soubo estar sempre a carón dunha personalidade como a do compositor, na saúde e na enfermidade, nos éxitos e nas dificultades, e algún familiares do matrimonio, que hoxe choran esta perda irreparable, como a choramos os seus amigos.

Coa súa dona, Mari Carme Mallo de Muñiz

            En palabras da súa viuva, o mestre caeu enfermo no leito, moi débil, hai, aproximadamente, un ano, en agosto de 2010. En todo este tempo levou a enfermidade cunha enteireza exemplar. Era un home de fé, gran devoto do Apóstolo Santiago, que levou a alegría da súa vida cando pudo bica-la man da Súa Santidade o Papa Xoán Paulo II, a quen lle dedicou unha muiñeira.

Con Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas

            O mestre Muñiz recibirá mañá cristiá sepultura no cimeterio compostelán de Boisaca, logo do funeral córpore insepulto que se celebrará na Real Colexiata de Santa Maria do Sar, onde o cadaleito será recibido pola Real Banda de Gaitas, coa que o compositor tiña colaborado con gran entusiasmo, como nos confirmaba o seu fundador e director, o mestre Xosé Lois Foxo, afectado pola triste nova.

            Desde Puerto Rico, agradecidos por canto fixo Manuel Muñiz polo mundo da emigración galega, polo noso idioma e pola nosa Terra, enviamos as nosas mais fondas condolencias á súa viuva e demais familia, ó tempo que elevamos unha oración polo seu eterno descanso.  E como se trata de un músico e compositor galego, seguro que ó noso mestre e amigo lle gustaría, e moito, que transcribísemos a letra dunha fermosa canción que Odilo González e Isauro Garcia escribiron para momentos tristes e de esperanza coma o presente. 

Adeus irmán, que se abran os ceos.
Adeus irmán, que sexas feliz,
na despedida queremos cantarche:
que grande é Deus e chama por ti!

Dende esta terra, que ti xa deixaches,
os nosos ollos bagoan por ti,
mais a esperanza de vernos un día
enxuga as bágos do noso sufrir.

Que Deus te acolla no Reino glorioso,
onde esperamos por sempre reinar,
que un día chegue pra, xuntos no ceo,
resucitados con Cristo gozar.

Adeus irmán, que teñas acougo
nos brazos quentes de Deus noso Pai,
ficamos tristes mais xa confiados
que teñas parte no Reino da paz.


Autor de preto de medio milleiro de cancións, a inmensa maioria delas en idioma galego, Manuel Muñiz foi o primeiro compositor galego de música lixeira que se lembrou dos emigrantes e escribiu cancións para eles –para nós-, falando dos nosos soños, da morriña que sentimos lonxe e dos nosos problemas. Tanto era o afecto que lle tiña ás sociedades de emigrantes que escribiu unha morea de temas para centros de todo o mundo. E o mesmo fixo con equipos de fútbol, para os que escribiu himnos e cancións. Neste capítulo hai que incluir o himno oficial da SD Compostela e as músicas que escribiu para o Club Deportivo Español de Buenos Aires, Real Club Deportivo de A Coruña e os equipos da súa vila natal de Boiro, Atlético Riveira, Vista Alegre, Cesures, Portonovo e outros varios.

Ademáis, foi un dos primeiros axentes artísticos de Galicia en sentido moderno. Cando el empezou, o único que facía de axente na realidade era Expósito en Pontevedra, xa que a maioria das orquestras contrataban directamente coas comisións de festas, sen intermediarios. Daquela, os músicos da orquestra facian de todo, tamén carrexar os instrumentos e montar o escenario. Como axente artístico, Muñiz trouxo figuras importantes a Galicia, como o propio Julio Iglesias.

Tamén foi presidente do Clube de Leóns de Santiago de Compostela.

A Xunta de Galicia honrou a Muñiz coa Medalla de Galicia.


BIOGRAFIA

Manuel Muñíz Tubio nacera en San Amaro, parroquia de Santiago de Lampón, concello de Boiro, o 5 de Novembro de 1929. Era fillo predilecto do seu concello natal, Medalla de Galicia e socio de honor de moitas sociedades galegas do exterior, sobre todo da República Arxentina.
Compositor de mais de catrocentas cincuenta cancións galegas, trombón solista da Banda Municipal de Santiago -da que se retirou cunha homenaxe, dirixindo ós seus compañeiros nun concerto ofrecido ó pe da catedral-, axente artístico de grande actividade e director da Orquestra Compostela ó longo de medio século, Muñíz é tamén o autor da canción "Galicia, terra meiga", que supuxo o lanzamento de Ana Kiro como artista galega, e de tódolos éxitos da primeira etapa da cantante.

Con Ana Kiro, abrindo sulcos á canción galega na música lixeira

Foi responsable tamén do lanzamento de outras artistas galegas, como Sabela e Pili Pampín, para as que escribiu dúcias de cancións populares. O duo "Los Dos Españoles", para o que tamén escribiu varios temas, dedicoulle un pasodoble titulado "Manuel Muñíz", no que se di que "onde hai un galego hai cancións de Muñíz".
Entre outros, Ana Kiro, Pili Pampín, Sabela, Los Dos Españoles, Sito Mariño, Maria Jesús y su acordeón, Los Tres Soles del Paraguay, Manolito el Pescador, Montse e Luis Queimada, Eduardo Veloso e a orquestra Brisas de España, de Buenos Aires, gravaron as súas cancións. Escribiu, asimesmo, trinta obras instrumentais para banda de música e uns corenta himnos para diferentes Centros Galegos, concellos e sociedades de Europa e América.
Querido e admirado na Galicia Exterior, recibiu varias homenaxes de agarimo, sobre todo en Buenos Aires, cidade da que é socio de honor da Casa de Galicia, do Centro Cultural de A Estrada e das sociedades de Vedra, Boiro e O Carballiño. Nos últimos anos escribiu títulos galegos para a S.M. El Rei Don Xoán Carlos I e para a S.S. o Papa Xoán Paulo II, ós que tivo o honor de saudar persoalmente e, no caso do Santo Pai, de ofrecerlle na residencia de Castelgandolfo todo un concerto da Real Banda de Gaitas de Ourense, que incluíu a súa “Muiñeira de Wooytila”.


ORQUESTRA COMPOSTELA
Fundada no ano 1919, é hoxe a mais antiga de Galicia en activo, como lembrou sempre o seu director, Manuel Muñíz, autor da maior parte do repertorio desta formación, a que mais discos gravou de Galicia nos últimos corenta anos, sempre da man do trombonista e violinista de Boiro. A Compostela, en todo caso, ostenta outro récord, moito mais importante: é a orquestra que mais gravacións fixo en língua galega, ostentando unha marca senlleira de vendas con máis de dous millóns de unidades distribuídas polo mundo enteiro, en estimación do director desta popular formación.
Ten contado Manuel Muñíz que a Orquestra Compostela foi fundada no ano 1919 por seis músicos, que tocaban piano, batería, contrabaixo, clarinete e saxo, trompeta e violín. A primeira formación, que non incluía cantante, naceu para ameniza-los bailes de gala e das festas tradicionais que celebraban as sociedades de Santiago e a súa comarca, tocando tamén nos intermedios das películas mudas que se proxectaban no Teatro Principal compostelán. Polo que se refire ó repertorio daquela primeira formación da Orquestra Compostela, non faltaban as polkas e as mazurkas, os pasodobles, música de zarzuela, melodías de moda e, por suposto, os clásicos valses da familia Strauss.

A inicial Orquestra Compostela desaparece durante a guerra civil española e volve a reagruparse cando remata a contenda, incluíndo algúns compoñentes novos. Agora xa son oito músicos, coa incorporación da flauta e o acordeón. É a época na que empezan a cantar algúns dos seus integrantes, eso sí, sen ningún tipo de amplificación, utilizando aquela especie de funil que tamén empregaban as vellas bandas de New Orleans. Cando apareceron os micrófonos de carbón -tan só un para toda a orquestra-, a Compostela foi das primeiras de Galicia en adquirir esta gran novedade. Porque a amplificación do sonido ven a cambia-la vida das orquestras. A Compostela aproveita para crecer un pouco mais e incorpora ó seu cadro artístico outros dous músicos e un "animador", que era como se coñecía entón ó cantante. Neste tempo, a orquestra xa é unha das favoritas en festas e verbenas. Nas súas filas tocan excelentes músicos da Banda Municipal de Santiago e da Banda Militar do Rexemento número doce da cidade do Apóstolo.
No éxito conseguido nos pasados anos pola Compostela é fundamental o labor de Manuel Muñíz, trombón solista da Banda Municipal de Santiago e da propia orquestra cando se fai cargo da dirección da Compostela. Estamos no ano 1951. É a época do extraordinario vocalista Pocholo, a quen Muñiz dedicou recentemente un pasodoble. A Orquestra Compostela actua con gran éxito por Galicia, León, Asturias e Portugal.

Miguel Torres, o mellor intérprete das cancións de Manuel Muñiz

O ACCIDENTE DE ORDUÑA

Invitada pola Casa de Galicia de Bilbao, a orquestra viaxa o 24 de Xullo de 1962 con dirección á capital vizcaína, onde ían a celebra-lo Día de Galicia. Mais a fatalidade agardaba no alto de Orduña: a unha da tarde, o vehículo que transportaba ós músicos precipítase por un desnivel de cento cincoenta metros de altura e alí falecen catro dos seus compoñentes, o trompeta Paulino Prado, o saxo Xoán Fernández, o cantante Suso Picón e o técnico de sonido Xosé Casal. Os demais quedan malferidos e tardarán mais dun ano en recuperarse.

Recordando aquelas datas, Manuel Muñíz agradeceu sempre o labor médico do doutor Sixto Seco, que lle salvou -afirmaba- o brazo dereito. E lembraba tamén o interese que amosara daquela o Ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne, quen enviara un importante donativo para as familias das víctimas e os feridos. Claro que a lista de agradecementos foi moito mais longa: "Sí, porque nunca esqueceremos -dicia- ó cabido e ó concello de Santiago, a Cantigas e Agarimos, ós Pais Franciscanos, a todo o pobo de Santiago e de Bilbao, a Orduña e o seu alcalde, don Miguel Penas Aguilera, a Casa de Galicia de Bilbao e ó seu presidente, don Demetrio Santos, e ó doutor Miguel Gil de la Peña... Tampouco nos olvidaremos do Cardeal don Fernando Quiroga Palacios...". A traxedia de Orduña fixo enmudecer por un longo tempo á Orquestra Compostela. Cando se recuperaron os feridos, coa incorporación de novos membros, ata un total de doce profesores, e xa con dous cantantes solistas, idea de Manuel Muñíz, o nome da Compostela volveu a aparecer nos carteis.
A primeira actuación, que supuxo a presentación da nova orquestra, tivo lugar nun magno festival, celebrado na Quintana, no mes de Xullo de 1963. Neste momento a orquestra principiaba unha andaina artística que ía facer dela a mais popular de Galicia e, desde logo, a que mais discos gravaría. E quede este dato para a historia: co diñeiro recadado naquel festival de presentación, a Orquestra Compostela encargou unha imaxe do Apóstolo Peregrino, que foi donada á Casa de Galicia de Bilbao o 25 de Xullo de 1963.

O mestre Muñiz coa súa dona, Mari Carme, nun dos seus veráns en Sanxenxo

"Setenta aniversario" é un pasodoble de Manuel Muñíz, gravado no 1989 e co gallo de tal efeméride, onde se conta a historia da Orquestra Compostela, unha formación pola que pasaron músicos da talla do pianista Alfredo Cancelo, o cantante Armando Fernández de Córdoba, ou o trombonista Miguel Badía. Os cantantes que pertenceron a orquestra foron, segundo as distintas épocas, Pocholo, Miguel Angel, Suso Picón, Moncho Briones, Toni Mato, José Otero, Jorge Jaime, Armando Fernández de Córdoba, Tito Calviño, Manuel Ramón, Arturo Rey, Henrique Miramontes e Xosé Manuel Fandiño. Miguel Torres, Toni e Xosé Manuel, Alberto foron algún dos últimos que actuaron baixo a dirección do finado mestre.
Falando de cantantes, compre dicir que Miguel Torres foi, nos últimos trinta anos, a voz máis carismática da Compostela e a que mellor interpretou, sen dúbida, as cancións de Manuel Muñiz, que sempre o tivo en grande aprecio persoal.
No ano 1978, a casa de discos Olympo, de Barcelona, interésase pola música orixinal da orquestra, sobre todo pola cantada en língua galega, escrita por Manuel Muñíz, e trata co mestre da gravación do primeiro disco. (Convén ter en conta que a casa Olympo pertence ó grupo Belter, para o que xa hai catro anos que Ana Kiro grava en galego éxitos de Muñíz, dabondo coñecido, por tanto, como autor inspirado). O contrato chega no momento oportuno, xa que, ese mesmo ano, a Compostela preséntase ante a colectividade galega de Buenos Aires e vende mais de dez mil cintas no Club Deportivo Español, que preside Francisco Rios Seoane, daquela popular e poderoso empresario de Cestaños-Ordes na capital arxentina.
Sete veces mais viaxou a Orquestra Compostela á capital arxentina, onde é moi apreciada, mais tamén fixo catro xiras polo Brasil e actuou en Londres, París, varias cidades suizas e Lisboa. O seu director fala de dous millóns de cintas vendidas polo mundo adiante, co gallo destas presentacións. En todo caso, e valorando como é debido a categoría dos seus vocalistas e músicos, a Compostela actual é a obra persoal de Manuel Muñíz, un autor que conecta perfectamente co seu público, un músico con moito oficio e, sobre todo, un home cunhas cualidades innatas para as relacións públicas.
E ten moito mérito: cando ningunha orquestra apostaba pola canción en galego, él deu o paso adiante.

Xosé-Luís Blanco, Manuel Muñiz e Sito Mariño

Desde hai un par de anos, a Orquesta Compostela depende do artista e promotor artístico Sito Mariño, que nomeou ó mestre Muñiz director honorario. Ademáis, Sito tivo o fermoso detalle de homenaxear ó mestre no transcurso das Festas do Apóstolo de hai dous anos, cando a orquestra actuou na Alameda. Foi a derradeira vez que subiu a un escenario.


De presentar a homenaxe encargouse o xornalista Xosé-Luís Blanco Campaña, amigo e admirador do mestre Muñiz, quen salientou que a Orquestra Compostela recibiu un impulso extraordinario coa dirección de Manuel Muñiz, que a converteu na que mais discos gravou, mais cancións galegas interpretou e mais visitou os Centros Galegos de América e Europa. Muñiz colleu a orquestra no 1951 e ó longo de cincuenta anos levouna ós mellores escenarios e, tódolos anos, ós estudos de grabación, que antes nunca pisaran.

Pilar e Xosé-Luis Blanco, Sra. Mallo, Mari Carme, Muñiz e Sito Mariño
a noite da homenaxe ó mestre no Paseo Central da Alameda de Santiago

Para rematar, queremos lembrar o maior éxito do mestre Muñiz, que supuxo o lanzamento de Ana Kiro como cantante en galego. Primeiro, a letra da canción. E logo, a interpretación da propia creadora desta popularísima cánción, dedicada polo seu autor ós emigrantes galegos de todo o mundo.



GALICIA, TERRA MEIGA

Letra e música: Manuel Muñiz

Ven, queridiño, ven,
          que che quero dar
          todo o meu cariño.
        Ven, queridiño, ven,
       que che quero dar
      todo o meu amor.

Quéroche cantar, Galicia,
desde a beiriña do mar,
as penas que levo dentro,
que por ti me fan chorar.

Miña terra queridiña,
non te podo “olvidar”.
Galicia, Terra meiga,
miña casa, meu lar.
Miña terra queridiña,
non te podo “olvidar”,
os teus aires do monte,
os teus aires do mar...

Cada momento que pasa
Galicia quéroche máis,
quixera eu morrer nela,
onde morreron meus pais...

Miña terra…



VELAQUÍ AGORA UN VÍDEO
DA ORQUESTRA COMPOSTELA
DIRIXIDA POLO MESTRE MUÑIZ
"A RIANXEIRA"



 
A ORQUESTRA COMPOSTELA
E  A MÚSICA POPULAR GALEGA
ESTÁN DE LOITO POLO PASAMENTO
DO MESTRE MANUEL MUÑIZ
D.E.P.


No hay comentarios:

Publicar un comentario