MENSAXE DE
FIN DE ANO DO
PRESIDENTE DA
XUNTA DE GALICIA
ALBERTO NÚÑEZ
FEIJÓO
Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2013
Boas tardes.
Estamos no Centro de Transfusión de
Galicia, no mesmo lugar onde a noite do 24 de xullo, miles de galegos
responderon ante a maior catástrofe da nosa historia, e o fixeron dunha forma
da que nos sentimos orgullosos.
Quero que as primeiras palabras
sexan de recordo para as persoas falecidas na traxedia de Angrois, de alento
para as súas familias nestas datas tan sinaladas.
Pero quero tamén acordarme das
galegas e dos galegos que aquela noite se achegaron ata aquí para doar o sangue
que necesitaban os feridos, así como de todos os que dun ou doutro xeito
colaboraron, axudaron, ou cumpriron co seu deber de socorrer aos afectados.
Aquela fatídica noite vimos unha Galicia a disposición de Galicia.
A miña presenza aquí é unha maneira
de renderlle homenaxe a todos os que, dende este mesmo lugar, demostraron que o
noso é un pobo solidario e un pobo unido. Grazas de todo corazón.
Galicia amosouse, coma sempre o
fixo nos momentos difíciles, como unha familia grande que camiña xunta dende
tempo inmemorial, e quere manterse xunta no futuro. Sabemos de onde vimos,
sabemos onde estamos e sabemos a onde imos.
Nestes días de xuntanza, os galegos
temos a sorte de congregar en torno á mesma mesa diferentes xeracións. Ninguén
máis apto que os nosos maiores para lembrarnos que ningún tempo pasado foi
mellor. As súas lembranzas axudan a entender con perspectiva a encrucillada na
que se atopa o noso país. É unha situación difícil que esixe esforzos e
sacrificios. Mais aló das estatísticas, a crise afecta a persoas que ven en
perigo as súas posibilidades, en risco o seu proxecto vital.
Quen ten responsabilidades públicas
nin pode ignorar eses dramas que están ao noso redor, nin pode enganar a xente
afirmando que as solucións son simples. Non o son.
Cómpre dar respostas que non sexan efémeras,
que permitan robustecer a sociedade e a economía, que garantan a continuidade
desa idea común que chamamos Galicia.
A gran diferenza entre estas
turbulencias e as que tiveron que padecer os que nos precederon, é que a nosa
terra non está soa, nin carece de ferramentas propias para erguerse de novo.
Formamos parte dun mundo que soubo conciliar liberdade e desenvolvemento.
Compartimos con ese mundo desafíos, inquedanzas e medidas destinadas a
preservar un modelo de vida que queremos para nós e para os que nos han de
suceder.
Preservalo non é posible co
inmobilismo. Todo o que conseguimos na democracia pode morrer se non somos quen
de axustalo ás novas necesidades. Estámolo facendo con decisións que son moi
semellantes ás que teñen que adoptar moitos pais e nais de familia.
A súa responsabilidade non lles
permite negar teimosamente os problemas ou pospoñer temerariamente as
solucións. A nosa, tampouco. Eles queren para os seus o mellor dentro das
condicións que veñen impostas pola realidade. Nós, tamén.
En vésperas da chegada do novo ano,
Galicia pode ollar a recuperación coa confianza que dá o deber cumprido. Temos
logrado que o substancial da Autonomía do benestar estea intacto, e todos os
galegos poden ter confianza plena na solvencia e na continuidade dos Servizos
Públicos. Este Centro de Transfusión de Galicia, que xustamente este ano 2013
cumpriu o seu 20 aniversario, é exemplo dun modelo público de benestar en pé
dende hai moito tempo e que, malia a crise, estamos sendo capaces de manter e
de mellorar.
Ademais diso, o noso país ofrece
unha estabilidade social e política que contrasta con aventuras que levan a
outras comunidades á división e á incerteza. Para a nosa idiosincrasia, non é
doado entender que as institucións sirvan para crear fendas artificiais,
agravios fantasmagóricos e obxectivos imposibles.
Crear frustración non é o obxectivo
da política democrática. Xerar identidades excluíntes, conduce a enfrontamentos
que poden tardar en cicatrizar. Fronte a ese modelo convulso, os galegos seguimos
outro tranquilo.
A nosa identidade é tan forte como
calquera, pero non precisa inventar inimigos, nin erguer fronteiras, nin
fomentar o illamento. Vemos en España unha patria común e solidaria, e en
Europa un marco de convivencia compartido.
Non receamos dos veciños, senón que
sempre vemos neles aliados cos que unir esforzos. Galicia, en definitiva, é
responsable e fiable.
Así o ven aqueles que nos últimos
tempos decidiron compartir con nós a súa enerxía. Galicia é unha das
comunidades autónomas máis atractivas para investimentos foráneos. A chegada de
investidores aos sectores máis diversos, dende o naval ata a banca, é unha
mostra de que emprendedores e multinacionais importantes queren iniciar unha
andaina con nós. Confían na nosa capacidade, na nosa calidade humana e
profesional.
Certamente, non creo que sexa
casual que boa parte deses capitais proceda de nacións onde a nosa xente
sementou un prestixio que poucos outros pobos teñen. Saben como somos e cren en
nós e nas nosas capacidades.
Galicia está no mundo e o mundo
está en Galicia. Cumprimos así un dos requisitos fundamentais para iniciar a
fase da recuperación. Ese recoñecemento internacional certifica que a sociedade
galega está facendo ben as cousas.
Esa aposta por nós de compañías
habituadas a avaliar con precisión as posibilidades dun territorio, evidencia
que estamos no bo camiño. Os esforzos non son estériles.
Dicir a verdade é o primeiro
mandamento dun gobernante. Cando Galicia iniciou a súa ofensiva contra a crise,
o diagnóstico non admitía paliativos: estabamos nunha situación de emerxencia.
Negalo entón era irresponsable. Negar agora que se albisca un novo horizonte, é
abonarse a un pesimismo que en nada axuda a reiniciar a senda do crecemento.
Europa, España e Galicia están saíndo pouco a pouco da súa convalecencia. Hai
que dicilo con tanta prudencia como convicción.
Dicíalles que falarlles dende este
Centro de Transfusión é unha maneira de render homenaxe á nosa solidariedade.
Ningún galego é alleo para outro galego. Existe entre nós un vencello que nin
sequera pode romper a distancia, como o demostra o feito de que Galicia sexa
algo presente e vivo na emigración.
O que nos identifica é a capacidade
para arroupar o compatriota en dificultades, para socorrer o que precisa da
nosa axuda. Non somos un país por estar xuntos, senón por facermos cousas
xuntos e axuntarnos fronte á adversidade.
O mundo ollou admirado a reacción
dos galegos diante da catástrofe ferroviaria de Angrois. Aquelas xornadas
quedaron xa inscritas para sempre na nosa historia. Nos lugares máis afastados
do mundo, millóns de persoas sentiron que aqueles homes e mulleres que
rescataban, coidaban ou consolaban, estaban representando o mellor do xénero
humano. Cómpre conservar ese espírito e facer del a nosa divisa. Eu penso que
os galegos somos así e queremos seguir sendo así.
Con ese desexo, expreso a miña
felicitación a todos. Somos un gran pobo que vén de lonxe e quere ir lonxe.
Confiemos en nós. Miremos o futuro con decisión.
Deséxolles boas festas e un 2014
que dea resposta a todas as nosas esperanzas.
Moitas grazas.
Y ESTE AÑO, CAMPANADAS CON SABOR GALLEGO
No hay comentarios:
Publicar un comentario