viernes, 11 de noviembre de 2011

11 DE NOVEMBRO, FESTIVO EN USA


ESTADOS UNIDOS CELEBRA O
DIA DOS VETERANOS



Nos Estados Unidos, o dia de hoxe é o que chaman un festivo federal, o que significa que os bancos e os edificios gubernamentais están pechados. Tamén en Puerto Rico, por suposto, malia o seu especial status. Como sucede co Memorial Day, o once de novembro pretende non deixar endexamais no esquecemento o labor que a prol do seu pais desenvolveron os homes e mulleres das Forzas Armadas.

Como se recolle nas enciclopedias, Veteran’s Day is a US federal and State public holiday in honor of service men and women who served in defense of the nation.



Ó principio, esta conmemoración chamábase Día do Armisticio, en lembranza da data en que os paises que se enfrontaron na Primeira Guerra Mundial depuxeron as armas. Sucedeu ás once da mañá do once de novembro de 1918, ainda que o tratado formal do fin das hostilidades foi asinado case sete meses despois. En novembro de 1919, o Presidente Thomas Woodrow Wilson declarou feirado o Dia do Armisticio nos Estados Unidos e chamou ó pobo norteamericano a celebrar nesta xornada o fin dunha guerra que deixou nove millóns de mortos.

Trintecinco anos despois, en 1954, o Presidente Dwight David "Ike" Eisenhower, xeneral de cinco estrelas e comandante supremo das tropas dos aliados na Segunda Guerra Mundial, decidiu cambiar o nome desta conmemoración e púxolle Veterans Day, ou Dia dos Veteranos, no seu desexo de que fose unha data para honrar, non só ós homes e mulleres da Primeira Guerra Mundial, senón a todos cantos serviron nas Forzas Armadas dos Estados Unidos de América.



Son moitos os actos que se celebran hoxe no Día dos Veteranos, no que non faltan os desfiles militares, a visita ós cimeterios e os discursos de agradecemento ós que serviron, uniformados, ó seu pais. A principal cerimonia do dia ten como escenario o Cimeterio Nacional de Arlington, nas aforas de Washington, onde é tradicional facer unha ofrenda floral perante a tumba do soldado descoñecido.

Co gallo do Veterans Day, o Presidente dos Estados Unidos fixo unha proclama pública, que transcribimos:

PROCLAMA DO PRESIDENTE DOS
ESTADOS UNIDOS DE AMÉRICA



“A nosa nación congrégase hoxe para render homenaxe ós nosos veteranos e para conmemorar o legado de profundo servizo e sacrificio que fixeron na percura dunha Unión mais perfecta. Coa súa firme defensa dos ideais dos Estados Unidos os membros dos nosos servizos fixeron que o noso país aínda se alce con fortaleza, que os nosos principios fundacionais sigan brillando e que os países de todo o mundo coñezan os beneficios da liberdade. É o momento de ofrecer a nosa sincera gratitude e respeto ós nosos veteranos, ás súas familias, a aqueles que aínda están na senda do perigo, e a aqueles que temos enterrado. Reiteremos o noso compromiso de servilos a eles tan ben como eles teñen servido ós Estados Unidos de América.

Os nosos homes e mulleres que visten o uniforme son portadores dunha orgullosa tradición militar que con sentido do deber pasaron de xeración a xeración ó longo de mais de dous séculos. En tempo de guerra e de paz, os nosos veteranos teñen servido con valor e distinción fronte a tremendas adversidades, demostrando un compromiso indeleble con Estados Unidos e co noso pobo. A xenerosidade dos membros dos nosos servizos non ten igual e estes lémbrannos que hai moi poucas cousas mais esencialmente estadounidenses que dar o máximo para marcar unha diferencia nas vidas dos outros.

Así como os nosos veteranos estiveron vixiantes nas fronteiras da liberdade, e con elo salvaguardaron a prosperidade da nosa nación nos nosos vecindarios, os nosos negocios e os nosos fogares. Como mestres e enxeñeiros, médicos e país de familia, eses patriotas teñen feito contribucións á vida civil que son un testamento á súa dedicación ó benestar do noso país. Temos con eles unha débeda de honor, e é a nosa obriga moral asegurarnos que reciban o noso apoio mentres vivan como orgullosos veteranos das Forzas Armadas dos Estados Unidos. Este ano, cando as nosas tropas completan a súa misión en Iraq, rendiremoslle homenaxe a todos eles e a todos os que serven traballando incansablemente para darlles a atención, os beneficios e as oportunidades que teñen gañado.

O Dia dos Veteranos rendemos homenaxe ós herois que perdemos e ós seus familiares. Para honrar as súas contribucións á nosa nación esforcémonos con determinación renovada para manter as promesas que lle fixemos a todos os que responderon á chamada do noso país. Ao cumprir as nosas obrigas para con eles reiteramos a nosa fe nos patriotas que arriscaron as súas vidas para preservar a nosa Unión, e nos ideais de servizo e sacrificio cos que foi fundada a nosa República.

Por respeto e recoñecemento ás contribucións que os nosos homes e mulleres no servizo teñen feito á causa da paz e a liberdade en todo o mundo, o Congreso dispuxo (5 U.S.C. 6103 (a)) que o 11 de novembro de cada ano sexa un dia feirado legal para render homenaxe ós veteranos do noso país.

AGORA, POIS, EU, BARACK OBAMA, Presidente dos Estados Unidos de Norteamérica, proclamo pola presente o dia 11 de novembro de 2011 Dia dos Veteranos. Insto a todos os estadounidenses a que recoñezan o valor e sacrificio dos nosos veteranos por medio de ceremonias públicas axeitadas e oracións privadas. Insto ós establecementos federais, estatais e locais a que despreguen a bandeira de Estados Unidos e participen en actividades patrióticas nas súas comunidades. Fago un chamamento a todos os estadounidenses, incluíndo as organización cívicas e fraternidades, lugares de culto, escolas e comunidades e a que apoien este dia con expresións e programas conmemorativos.

EN FE DO CAL, subscribo do meu puño e letra este documento este terceiro dia de novembro do ano do Noso Señor dous mil once e ducentésimo trixésimo sexto da Independencia dos Estados Unidos de América.”

BARACK OBAMA


No hay comentarios:

Publicar un comentario