jueves, 24 de noviembre de 2011

HOXE É FESTIVO NOS ESTADOS UNIDOS


THANKSGIVING DAY
DIA DE ACCIÓN DE GRAZAS


        A celebración que hoxe ten lugar nos Estados Unidos é unha das mais fermosas do ano, tanto pola súa filosofía como pola maneira de vivila nos cincuenta estados da Unión e tamén en Puerto Rico e os demais territorios norteamericanos non incorporados. Porque, malia que algunhas das mais recentes enciclopedias indican que, “ainda que relixiosa na súa orixe, está considerada como unha festividade secular”, o certo é que na inmensa maioria dos fogares, hoxe, antes de dar conta do pavo recheo e a torta de cabaza –en Puerto Rico, tamén do arroz con gandules e, no seu caso, do leitón asado-, algún membro da familia ou varios, con tódolos comensais postos en pé, pronuncian unhas palabras, que sempre rematan dando grazas a Deus.



COSTA LESTE, 1620

A do Thanksgiving, ou Dia de Acción de Grazas, é unha tradición moi americana, tamén presente na vida do Canadá, que orixinalmente se celebraba o último xoves de novembro e, dende hai moitos anos, ten lugar o cuarto xoves do penúltimo mes do ano. O dia é festivo en toda a nación e ten como característica mais sobranceira a xuntanza que celebran familiares e amigos para degustar un menú, tamén tradicional, que conmemora o que fixeran os chamados “pilgrims”, ou peregrinos, que é o nome que se lle da ó grupo de cento dous colonizadores cristiáns que chegaron en 1620 á costa leste dos Estados Unidos, ó que hoxe é o estado de Massachusetts, a bordo do veleiro Mayflower, formando a chamada colonia de Plymouth, que foi o porto inglés do que sairon aqueles cristiáns con problemas o 6 de setembro para desembarcar na costa americana o 11 de novembro seguinte.


O primeiro inverno que pasaron no Novo Mundo foi tan riguroso e colleunos tan faltos de preparación que mais da metade dos “pilgrims” sucumbiron polas privacións e as baixas temperaturas. Os que salvaron a vida foi pola axuda e os alimentos que lles proporcionaron os nativos da zona, que eran os indios Wampanoag. Por eso mesmo, no outono de 1621, xa establecidos sobre o terreo e coa primeira colleita, os que sobreviviron decidiron compartir os primeiros froitos con aqueles indios que lles botaran unha man en momentos tan duros e dar grazas a Deus polos bens recibidos.



1789: DIA NACIONAL

Ainda que a convivencia non duraría moito, pois seguiron a chegar colonos que ocuparon os terreos dos nativos e aquelo deu orixe a conflictos contínuos. En todo caso, aquel primeiro xantar tivo continuidade cada ano e, en 1789, o primeiro presidente dos Estados Unidos, George Washington, proclamou a data como Dia Nacional de Acción de Grazas. En 1863, Abraham Licoln declarou o Dia Festa Nacional, e no 1941 o Congreso Federal dos Estados Unidos estableceu esta data como festa oficial.



… E O BLACK FRIDAY

Non hai ningún problema se vostede non sabe preparar o pavo como mandan os cánones do Thanksgiving Day. As grandes cadeas de supermercados, como Econo Rial, propiedade dun paisano de Palmeira, ofertan a prezo módico todo o que debe estar hoxe na mesa, neste caso moi ben preparado, pois á fronte das cociñas está o eumés Tony Rocha. A oferta de Econo Rial inclue mesmo os pratos, os cubertos e as servilletas, todo para usar e tirar, como se adoita facer habitualmente neste gran pais.

         Polo demáis, no dia de hoxe, a famosa cadea de tendas por departamentos Macy’s, que é algo así como El Corte Inglés dos Estados Unidos, organiza unha grande parada polas rúas de Manhattan, en Nova York, que atrae a millóns de persoas á Avenida Broadway e é transmitida por varias cadeas de televisión. E ainda que os negocios e oficinas están hoxe pechados, mañá é o dia das compras por excelencia nos Estados Unidos, que celebra o chamado BLACK FRIDAY, ou VENRES NEGRO. Din que é o dia en que se ofrecen os prezos mais baixos do ano, polo que as ringleiras dos que esperan a apertura dos comercios empezan a organizarse moi cedo en todo o país. Téñase en conta que, tal como están machacando as emisoras de radio, en Puerto Rico hai grandes comercios que abrirán... ¡ás catro da madrugada!


No hay comentarios:

Publicar un comentario