domingo, 17 de julio de 2011

APRENDER GALEGO EN PUERTO RICO

A SECRETARIA XERAL DE EMIGRACIÓN CONVOCA CURSOS DE LINGUA GALEGA PARA OS GALEGOS RESIDENTES NO EXTERIOR E OS SEUS DESCENDENTES


PODERÁN PARTICIPAR OUTRAS PERSOAS INTERESADAS NO IDIOMA DE GALICIA

 
OS CURSOS FARANSE NOS CENTROS GALEGOS


            A Secretaria Xeral de Emigración acaba de facer pública unha Resolución conxunta do 24 de xuño de 2011, da Secretaría Xeral da Emigración e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncian, con carácter gratuíto, cursos preparatorios de lingua galega, para os niveis Celga e de extensión cultural, para galegos residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia.
(DOG nº 137 de 13 de xullo de 2011).

As entidade convocantes son a Secretaría Xeral da Emigración e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os destinatarios dos cursos son, preferentemente, os galegos residentes no exterior e os seus descendentes, aínda que poderán participar tamén outras persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia.


Obxecto da convocatoria

            Convocar cursos preparatorios de lingua galega para os niveis Celga e de extensión cultural, que se realizarán nos centros galegos do exterior e nas cidades onde exista unha importante demanda no coñecemento da lingua galega.

Os cursos convocados

a) Cursos de lingua galega preparatorios para as probas Celga e de extensión cultural, dirixidos aos centros galegos radicados fóra de Galicia interesados no coñecemento da lingua e cultura galega.

b) Galego na túa cidade. Cursos de lingua galega preparatorios para as probas Celga, dirixidos a persoas residentes no exterior que estean interesadas no coñecemento da lingua galega.

c) Cursos en liña. Cursos preparatorios para as probas Celga nivel 1, impartidos a través da rede e convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística a través da súa páxina web (www.xunta.es/linguagalega)



Características comúns de cursos presenciais

a) Estes cursos van dirixidos, preferentemente, aos galegos e galegas residentes no exterior e aos seus descendentes, aínda que poderán participar tamén outras persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia.

b) O número mínimo de asistentes para cada curso será de 20 persoas e o máximo de 30, agás casos excepcionais debidamente xustificados. Se durante a realización dos cursos o número de asistentes non acadase un mínimo significativo, a Secretaría Xeral da Emigración, conxuntamente coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, poderá acordar a cancelación do curso.

c) Os cursos terán unha duración de 75 horas.

d) A inscrición e participación nos cursos será gratuíta para todos os participantes, sen que os beneficiarios teñan que aboar cantidade ningunha por ningún concepto.

e) Estes cursos realizaranse, ordinariamente, con carácter intensivo (4/5 horas día). Non obstante, o horario das clases axustarase no posible ás necesidades dos solicitantes. O curso terá unha duración ordinaria dun mes. Excepcionalmente, poderá estenderse ata catro meses nos casos seguintes:
-Cando existan profesores de galego xa desprazados nos lugares en que se impartan.
-Cando se concedan dous ou máis cursos a entidades radicadas na mesma cidade, sempre que coincidan nas mesmas datas.

f) Os cursos terán lugar nas localidades e entidades ás cales se lles conceda mediante resolución conxunta da Secretaría Xeral da Emigración e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, para o cal se terán en conta as solicitudes recibidas e a dispoñibilidade orzamentaria.

Beneficiarios

Solicitantes:

-Cursos de lingua galega preparatorios para as probas CELGA e de extensión cultural.
Poderán solicitar estes cursos as entidades galegas que teña recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador, ou ben unha agrupación, federación ou unión destas entidades legalmente constituída, que teñan entre os seus obxectivos a promoción e difusión da cultura galega, que contribúa a favorecer a difusión e preservación do patrimonio cultural galego no exterior. As entidades ás cales se lles conceda o curso comprométense na súa solicitude a facilitar as instalacións axeitadas para a realización do curso no lugar onde se desenvolva.

-Cursos de galego na túa cidade.
Poderán solicitar a súa inscrición no programa os cidadáns e cidadás galegos e galegas residentes no exterior, os seus descendentes e calquera outra persoa interesada no estudo e coñecemento da lingua galega. Os solicitantes poderán preinscribirse a través do formulario que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración www.galiciaaberta.com

Realizaranse cursos presenciais de lingua galega naquelas cidades onde exista o número mínimo de alumnos preinscritos a través da páxina web da Secretaría Xeral da Emigración www.galiciaaberta.com

-Cursos en liña.
Poderán inscribirse persoas interesadas no coñecemento da lingua galega nas condicións previstas para a correspondente convocatoria na páxina web (www.xunta.es/linguagalega)
Para maior información, aconsellamos entrar na páxina www.galiciaaberta.com, ou falar co Centro Galego que estea mais preto da súa residencia.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario