viernes, 22 de julio de 2011

POR VEZ PRIMEIRA EN OCEAN PARK

O CENTRO GALEGO DE PUERTO RICO
CELEBRA ESTE DOMINGO
O DIA DE GALICIA
E A FESTA DO APÓSTOLO SANTIAGO


Ás 12.30 o Pai Perfecto Fondevila,
Capelán do Centro, oficiará a Santa Misa

Logo, xantar enxebre de irmandade,
música do país… e festa rachada

O Centro Galego de Puerto Rico celebrará mañá, por primeira vez nas súas dependencias da rúa Buenos Aires, 2076, en Ocean Park, o Dia de Galicia e a Festa do Apóstolo Santiago. Ós actos están convidados tódolos socios desta institución. O seu vicepresidente, Victor Nieto, adiantou que será o sacerdote galego Don Perfecto Fondevila, párroco na área da capital puertorriqueña, quen presida a Eucaristia  o vindeiro domingo, dia 24, nas propias instalacións da entidade, en honor do Santo Patrón de España.
Ó inicio dos actos haberá unha intervención que glosará o significado relixioso e tamén político da xornada, xa que coinciden na mesma data do 25 de Xullo o Dia de Galicia e a Festividade do Apóstolo. Ademáis, a través das pantallas instaladas en toda a planta, ofreceráse un documental de media hora sobre Santiago de Compostela.
Non faltará o son das gaitas en data tan sinalada, nin un xantar de irmandade, preparado polo restaurante El Siglo XX, propiedade do músico e empresario eumés Tony Rocha. No menú non faltarán nin o caldo galego, tan apreciado na illa na súa versión caribeña, nin as empanadas, ademáis doutros productos enxebres.

Santiago Apóstolo


Da Enciclopedia Galega Universal, de Ir Indo Edicións, tiramos os seguintes datos sobre a figura do Apóstolo Santiago:

Apóstolo, fillo de Zebedeo e Salomé e irmán de Xoán Evanxelista. Pescador do lago Xenesaret, el e seu irmán recibiron de Xesús o nome de Boanerges, ‘fillos do trono’, pola súa impetuosidade. Os Evanxeos amósano, con Pedro e Xoán, como un dos apóstolos predilectos de Xesús, que estivo presente na transfiguración no Tabor, na resurrección da filla de Xairo e na oración de Xesús no monte das Oliveiras. Segundo os Feitos dos Apóstolos, foi o primeiro en sufrir martirio, morrendo decapitado por orde do Rei Herodes. Segudo a tradición, predicou en Hispania. No s IV Dídimo o Cego, san Xerome e Teodorto de Ciro refírense á predicación do apóstolo en Hispania, cuxo contexto non o permite identificar con san Paulo. Nos catálogos grecobizantinos dos apóstolos dos ss V e VI afírmase expresamente a predicación hispana de Santiago, igual ca nos Comentarios ao profeta Nahum, que se atribuíron a san Xián de Toledo, e nos Comentarios á Apocalipse do Beato de Liébana (s VIII) e nun himno latino, posiblemente seu, de tempos do rei asturiano Mauregato (783-788). Fóra de España, tamén o afirma san Adhelmo (709), abade de Malmesbury, nunha inscrición composta para un altar. A lenda, transmitida pola Epistola Leonis e pola Translatio, con distintas versións, conta como os seus discípulos recolleron o seu corpo e o trasladaron nunha barca a Galicia, onde desembarcaron no porto de Iria. Unha vez alí, dirixíronse cara á Raíña Lupa, que vivía nun suntuoso palacio doce millas cara ao oriente, e suplicáronlle que lles cedese un terreo para facer unha sepultura digna do apóstolo. A raíña, entregada á idolatría, tentou desfacerse deles con distintas argucias. Finalmente, confundida porque os discípulos se libraran prodixiosamente de todas as súas trampas, converteuse ao cristianimso e cedeu as súas terras para a sepultura do apóstolo. Segundo os documentos da época, o descubrimento da tumba tivo lugar no último terzo do s IX, sendo bispo de Iria Flavia Teodomiro, quen llo comunicou ao Rei Afonso II que inmediatamente mandou construír unha igrexa, xerme da cidade e da catedral de Santiago de Compostela. A peregrinación a este lugar deu orixe ao Camiño de Santiago. O apóstolo, invocado como protector e adaíl das tropas cristiás durante a Reconquista, é o patrón de Galicia e de España. Presenta tres tipos iconográficos diferentes: camiñante, co traxe dos peregrinos nobres, cun sombreiro de á ancha, un bordón con cabaza nunha man e un libro sobre a outra; sedente, en actitude de recibir os peregrinos e de mestre que ensina; e cabaleiro ou guerreiro, representado coa espada en alto e montado no seu cabalo, que baixo as súas patas asoballa varios guerreiros mouros, é Santiago matamouros, símbolo da Reconquista. A súa festividade celébrase o 25 de xullo, instituído como día da Patria Galega.

Perfecto Fondevila

            Capelán honorario do Centro Galego de Puerto Rico, o padre Perfecto Fondevila Penas é natural de San Martiño de Negreiros, concello de Silleda, e non tardará en cumprir sesenta anos de servicio como sacerdote en Puerto Rico, a onde chegou como frade mercedario, logo da formación recibida primeiro en Sarria como postulante, despois en Verin como novicio, en Poio como estudante de Filosofia e, finalmente, na cidade de Salamanca, onde cursou os estudos de Teologia.

            O Pai Fondevila celebrou a sua primeira Misa o 22 de xullo de 1967. Confesa que nunca esquecerá aquel dia, entre outras cousas porque foi a primeira vez que pudo dárlle-la Comuñón o seu pai, Jesús, e á súa nai Josefa, persoas moi relixiosas, que foron fundamentais na súa vida.

            Na actualidade pertence ó clero regular da arquidiócese de San Juan e ten ó seu cargo a parroquia de Cristo Rey, en Rio Piedras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario