martes, 12 de julio de 2011

UNHA FERMOSA EXPERIENCIA

Os campamentos de verán
da Xunta en plena actividade

Na convocatoria deste ano beneficianse máis de 300 fillos e  netos de emigrantes galegos residentes no exterior

Pasan 12 días nas instalacións oficiais, pero despois poden quedar ata un mes máis a cargo dos seus familiares


            Cada verán, fillos e netos de emigrantes galegos de varios paises pasan uns dias felices nos campamentos de verán e traballo da X
unta de Galicia. Agora mesmo xa está a rematar o correspondente a quenda da primeira quincena de xullo, no que participan 3 xoves de México, 14 de Venezuela, 33 da Arxentina, 31 do Uruguai e 2 doutras Comunidades Autónomas españolas. En total son 83 os participantes nesta primeira quenda.
            Estas 83 prazas, e as restantes, ata un número superior ás 300 este verán, corresponden ás reservadas a fillos e netos de residentes galegos no exterior nos Campamentos de Verán que organiza a Dirección Xeral da Xuventude, sufragadas pola Secretaría Xeral da Emigración. Nesta convocatoria foron máis de 700 as solicitudes recibidas para un total de 336 prazas.


            Un ano máis, o país do que proceden a maioría dos mozos e mozas é a República Arxentina, con 148, o que supón case a metade do total. Seguen despois Uruguai con 76, Venezuela con 52 e Brasil con 20. O resto dos beneficiarios proceden de Perú, México, Cuba, Chile e Costa Rica. Hai tamén tres prazas que se reservaron para residentes noutras Comunidades Autónomas españolas, e finalmente unha delas recaeu nun solicitante que é residente habitual en Francia. De Puerto Rico, un ano mais, non chegou ningunha solicitude.

Aquí, na praia coruñesa de Gandario hai un albergue da Xunta de Galicia

En Palas de Rei e Gandario

Trátase dun número de prazas reservado ao colectivo da diáspora, co obxectivo de fornecer as ligazóns que relacionan a mocidade coa terra dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia por riba dos países onde teñan nacido. A iniciativa, para moitos deles, supón a primeira posibilidade que teñen de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros e os membros da súa familia que non emigraron.
Segundo atesoura a experiencia, nestes Campamentos de Verán, os fillos e netos na diáspora comparten coa outra mocidade galega uns días de experiencias e intercambio que supoñen un importante enriquecemento mutuo, especialmente no caso dos residentes habituais en países de América Latina, que son o 99 por cento dos beneficiarios.
Os rapaces e rapazas teñen entre 14 e 17 anos, e pasan un total de 12 días en dúas instalacións dependentes da Xunta de Galicia: a de Os Chacotes, de Palas de Rei, Lugo; e o albergue da praia de Gandarío, en Bergondo, preto de A Coruña. Despois da súa estadía nestas institucións, e sempre que os seus familiares se fagan cargo deles, poden ficar aínda en Galicia por período máximo de 30 días.

Durante dias conviven descendentes de galegos de varios paises

Campos de traballo

Asemade, a primeiros de mes tamén arribaron ao aeródromo compostelán os primeiros 4 mozos  e mozas que participan en campos de traballo, iniciativa que combina a parte lúdica dos campamentos de verán coa formativa. Neste caso, estes catro rapaces e rapazas proceden de México e beneficiaranse da modalidade medioambiental do programa nas instalacións autonómicas do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, concretamente nas fermosísimas Illas Cíes, na Ria de Vigo.

Nas Illas Cíes, á entrada da Ría de Vigo, hai un campo de traballo

No hay comentarios:

Publicar un comentario