sábado, 7 de abril de 2012

O LUNS, LUNS DE PASCUA, É O SEU DIA


NOSA SEÑORA DO MONTE
PATRONA DE CAMARIÑAS



A CAMPÁ ACTUAL DA ERMIDA MERCOUSE CON DONATIVOS DE GALEGOS XENEROSOS DE MENORCA, RECIBIDOS POLA CONFRARIA DE PESCADORES NOS DIAS DO “PRESTIGE”



A ANTERIOR CAMPÁ FORA RESCATADA DO FONDO DO MAR POLO PETRAIO, POIS ERA A QUE LEVABA NA CUBERTA O MERCANTE “ANGÉLICA”, AFUNDIDO NA FURNA DE MONTE GORDO



A VIRXE DO MONTE VENÉRASE, ASIMESMO, EN COIRO-MAZARICOS E EN COSPEITO. TAMÉN É PATRONA DA TERRA CHÁ, MAIS EN GALICIA SÓ TEN O PATRONAZGO DUNHA VILA: CAMARIÑAS

Interior da ermida da Nosa Señora a Virxe do Monte


      Ainda que a festa mais rutilante das que se celebran en Camariñas é a do Carme, cada dezaseis de xullo, a que mais íntimamente vivimos os camariñáns é a da Virxe do Monte, a nosa patrona, que se celebra pasado mañá, Luns de Pascua. De seguro que non haberá orquestras que chamen a atención, nin investimentos millonarios en fogos de artificio e lucería, mais as diferentes misas que se celebran pola mañá na ermida estarán cheas de devotos, que deberán afrontar unha boa caminata, costa arriba, e esforzarse para chegar ó cumio do Monte Farelo. Alí está a santiña e desde alí, seguramente en premio ó esforzo, podemos ollar unhas maravillosas panorámicas da nosa costa, co Cabo Vilán ó norte, a boca da ria e os seus rompentes, e, cara ó sur, a Punta da Buitra e o Cabo Touriñán, tan temido pola laxa do mesmo nome. Tamén hai que citar, por suposto, a vila de Muxía e o santuario da Nosa Señora da Barca, que se ven desde a Virxe do Monte mellor ca desde ningún outro sitio.


Muxía e o santuario da Virxe da Barca desde a Virxe do Monte


        A de Camariñas é a única parroquia de Galicia que ten por patrona á Virxe do Monte. A súa capela actual é do século dezaoito, ainda que está ergueita sobre os restos doutra moito mais antiga. En realidade, a súa orixe é descoñecida, mais non se descarta que no lugar existirán antes cultos pagáns, como sucedia noutros casos. Do que sí hai constancia, transmitida de xeración en xeración, é da fonda devoción que suscitou sempre na vila e tamén na comarca esta advocación da Nosa Señora, á que se lle pedia polos homes do mar e tamén polos mozos chamados a filas, que tiñan que deixar os seus fogares e marchar lonxe.

Detalle curioso é que a ermida posue hoxe un campanario que substitute ó destruído por un raio no ano 2005, que non tiña moitos anos e, ademáis, afeaba moito o conxunto, pois era de cemento. O de agora, de pedra do país, encaixa perfectamente. Tamén ten unha campá nova, do paquete, como dicimos en Camariñas, feita exprofeso para este santuario pola célebre fundición Ocampo, de Arcos da Condesa, Caldas de Reis, onde se fixera tamén a campá grande da igrexa parroquial.


Juan Esteban Campaña levando a andia da Patrona

Mais curioso aínda é que a campá mercouse con donativos particulares dun grupo de galegos bos e xenerosos da illa de Menorca, recibidos pola Confraria de Pescadores de Camariñas nos dias do suceso do “Prestige”. Quixeron botar unha man e preguntaron a qué se podia dedicar a axuda, e, cando se lles fixo a suxerencia da campá e a súa importancia, quedaron entusiasmados coa proposta que lles fixo o patrón maior, Antón Lista Campaña, a quen sempre haberá que agradecerlle esta iniciativa. Puxo tanto interés que se trasladou persoalmente a Arcos da Condesa coa secretaria do Pósito, Maria José Pasantes, e os dous pecharon o trato co señor Ocampo e encargaron a campá de cen quilos, que soa como o que é, unha auténtica campá, feita por campaneiros galegos con séculos de tradición.


Maria José Pasantes, o Sr. Ocampo e Antón Lista Campaña, Patrón Maior


O da campá non é un tema menor para os mariñeiros. Ata non hai moito, nos dias de néboa, que en Camariñas chamamos borraxeira, cando non habia radar, nin plotter, nin GPS, nin mais tecnoloxia que os motores que facia Mataperros en Noia, nunca faltou un camariñán que fose toca-la campá da ermita para guiar co seu son a cantos barcos viñan en demanda da boca da ria, non precisamente fácil polos seus numerosos e perigosos baixos.

A seguir, ofrecemos un par de artigos mais sobre a Virxe do Monte, escritos en diferentes xeiras como Cronista Oficial de Camariñas. O primeiro é de cando se puxo a nova campá na ermida. O segundo é mais vello, como xa comprobará o lector, pero aporta datos coidamos que de interese, mesmo sobre os toques da campá e o seu significado en Camariñas.


 



A NOSA VIRXE DO MONTE
O “PRESTIGE” E A CAMPÁ

Por Xosé-Luís Blanco Campaña
Cronista Oficial de Camariñas

A de Camariñas é a única parroquia do arcebispado de Santiago, e de tódalas diócesis de Galicia tamén, que ten por patrona á Virxe do Monte. Desde moi cativos, os camariñáns, alomenos ata hai poucas xeracións, fomos educados na devoción a esta advocación mariana e seguro que todos teñen moi presente na súa memoria aquelas visitas que noutrora facíamos ó santuario coas nosas nais, para pedirlle á Nosa Señora polos nosos mariñeiros e navegantes.

En tempos mais antigos, cando a navegación a vela, tíñase o costume de acudir ó santuario para vira-la tella, na crenza de que, dándolle a volta a unha tella daquel tellado, o vento ía levantarse e soprar na dirección mais favorable para os navegantes. Mais recentemente, e xa falamos por experiencias vividas, moitas nais facían o terrible sacrificio de subir o monte enteiro de xeonllos, pedindo polos seus maridos, para que volvesen con ben ós seus fogares.

Andando o tempo, un día soubemos que devoción tan camariñá non era exclusiva da vila das palilleiras e os lugares da redonda. Manolo González, amigo, mestre e músico, contounos que moi preto de nós, no seu Mazaricos, a Virxe do Monte ten unha ermida na parroquia de Santa Maria de Coiro. No mes de agosto celebran unha boa romaria.


Ao lonxe, o Faro de Cabo Vilán

Logo, un colega lucense lembrounos que en San Xoán de Sistallo, no concello chairego de Cospeito, tamén teñen unha ermida dedicada á Virxe do Monte, que é, ademáis, a patrona da Terra Chá, onde se lle garda gran devoción e protagoniza algunhas das mais fermosas lendas populares sobre as orixes da lagoa que hai alí.

Mais recentemente, grazas, claro, á Internet, puidemos comprobar que a nosa Virxe do Monte é a patrona de Miengo, en Cantabria, e a de Cervico de la Torre, en Cerrato, Palencia; é venerada en La Peraleja, Cuenca, e Cervera del Rio Alhama, Logroño; hai rúas dedicadas a ela en Sevilla e Granada; algúns institutos levan o seu nome, como os de Cazalla de la Sierra e Bolaños de Calatrava, e ata conta con fieles devotos mesmo a carón do volcán Tungurahua, alá no centro andino do Ecuador.

A Virxe do Monte no altar maior da súa ermida de Camariñas

 
            O luns de Pascua, é decir, o luns que ven, os camariñáns volveremos á boca da ria para celebra-lo dia da Nosa Señora do Monte. É unha romaria íntima, á que, antes, había quen acudía para pedir, non só polos homes do mar ausentes, senón polos que facían o servizo militar e tamén polos que sofrian enfermidades mentais.

O vindeiro luns, os camariñáns celebraremos que, por fin, a ermida conta cunha campá como é debido, feita pola familia Ocampo en Arcos da Condesa, onde se fixo, hai tanto, a campá grande da igrexa parroquial. Debémoslla a un grupo de menorquíns, en lembranza do “Prestige”, e á idea do patrón maior, Antón Lista Campaña, home de mar, e, coma todos, devoto da patrona de Camariñas.

A campá e o campanario vellos, destruidos por un raio



A CAMPÁ DO “ANGÉLICA”
PARA A VIRXE DO MONTE

Por Xosé-Luís Blanco Campaña
Cronista Oficial de Camariñas

 
A ermida da nosa Virxe do Monte ten desde este verán unha nova campá, parece que con mellor son ca anterior, gracias á iniciativa do noso párroco, don Ricardo Senande, que tivo a boa idea, e ó Club Náutico de Camariñas, que a apoiou económicamente.

A nova campá pertenceu a un barco mercante chamado “Angélica”, de bandeira chipriota e sete mil toneladas de rexistro bruto, que foi a pique no inverno de 1992 cargado de fosfato, na furna de Monte Gordo, á entrada de Nemiña, a onde chegou cunha via de auga. Trátase, pois, dunha campá con historia marítima, recuperada do fondo do mar, a vintedous metros de profundidade, polo buzo Xosé Maria Sánchez Mouzo, máis coñecido -e apreciado, sexa dito de paso- entre nós como “O Petraio”, polo que non podía ter mellor “curriculum” para ocupa-lo seu posto no campanario dunha ermida branca que mira ó bravo mar da nosa costa, serve de punto de referencia da entrada da ria para os navegantes e acolle sempre, moi especialmente o día da súa festividade, o luns de Pascua,  ós moitos devotos da patrona dos camariñáns.

Imaxe da capela, hai anos, caleada pola banda do sur


VIRA-LA TELLA

Naqueles tempos da navegación a vela, cando os veleiros tiñan que desenvolver tódolos cometidos que hoxe asumen os barcos a motor, os camariñáns adoitaban subir ó monte onde está a ermida, non só para ofrecer unha Misa polas intencións que fosen, ou para encender unhas velas de cera e rezarlle á Virxe do Monte, patrona de Camariñas, senón para cumprir un vello rito, como era o de “vira-la tella”.

A tradición indicaba que, cando non había vento, ou este non era favorable, virando unha tella do tellado da ermida da Virxe do Monte, a Nosa Señora facía de avogada para que os ventos aparecesen, ou cambiasen, e axudaran ós nosos veleiros a chegar ós seus destinos. Esta tradición morreu coa chegada dos motores e a desaparición dos veleiros do mundo do cabotaxe, a mercante e a propia pesca. Pero quedan aínda en Camariñas moitas persoas que, no seu día, e por ter ós seus familiares embarcados en veleiros, como o célebre “Ponte do Porto” -do que conservamos boas referencias gráficas no CNC-, subiron máis dunha vez ó monte a cumprir co antigo rito de “vira-la tella”.

Imaxe actual da ermida camariñá da Nosa Señora do Monte


¿QUEN "ROUBOU" A CAMPÁ?

O que parece claro é que a ermida da Virxe do Monte nunca tivo campá, entre outras cousas porque nunca tivo campanario, como se pode comprobar analizando a construcción da fachada, onde queda claro que o actual campanario é un auténtico “pegote” (referíamonos ó de cemento).
Sen embargo, o feito de que parecese raro que unha capela non tivese campá fixo que se fose extendendo a especie de que non había campá... porque a roubaran. ¿E quén roubara a campá da Virxe do Monte? Pois xa poden maxinar vostedes: os da vila rival, que viñeran unha noite, segundo os máis vellos do lugar, subiron o monte, e levaron a campá. A lenda, que non ten nin pes nin cabeza, funcionou durante anos e aínda queda quen pensa que foi verdade. Eu lembro perfectamente esceas onde os camariñáns pedían “que nos devolvan a campá”. Hora é de dicir, pois, que nunca houbo campá e, polo tanto, ninguén pudo levala.

Parece que foi don Xosé Alvarez Cabeza, o gran párroco de Camariñas, que estivo connosco entre 1955 e 1966, quen mandou construir o campanario da ermida da Virxe do Monte, un humilde campanario, de cemento, feito enriba da pedra do país que coroa a fachada. E foi el quen puxo alí a primeira campá que tivo a Virxe do Monte, unha campá de ferro, que non tocaba nada ben, e que agora se cambiou pola nova do “Angélica”. Outras fontes din que a obra é a anterior a Don Xosé e que corresponde á breve época na que foi párroco Don Xosé Maria Pérez Gutiérrez, o último sacerdote de Mondoñedo que tivo Camariñas.

Don José A. Cabeza, párroco de Camariñas, con Xoán Paulo II

 
A CAMPÁ GRANDE

En todo caso, e xa que tratamos hoxe de campás, podemos engadir que a mellor que temos na vila de Camariñas é a que toca habitualmente na nosa igrexa parroquial de San Xurxo e foi reparada recentemente gracias tamén a Don Ricardo, o señor cura párroco. Esta campá, que todos coñecemos como “a grande”, por diferencia-la da outra, que chamamos “pequena”, foi feita de forma artesanal con cobre e estaño na fundición que aínda hoxe teñen os irmáns Ocampo en Arcos da Condesa, Pontevedra.


Unha inscripción que se pode ler na propia campá deixa clara a súa autoría: “Fabricada por Ocampo en Arcos de la Condesa”. Este obradoiro foi fundado hai catro séculos, en 1630, e nel fixéronse campás para a catedral de Santiago, as célebres campás de Bastabales, inmortalizadas por Rosalía de Castro, e outras para mil sitios. Nestes momentos está á fronte da fundición Laureano Ocampo, de 76 anos, que conta coa axuda do seu sobriño Henrique López e do fillo deste, Xosé Henrique, de 19 anos.

Agradecemento polo favor concedido á Virxe do Monte

 
TOQUES CAMARIÑÁNS

As campás “falan” en cada lugar a súa propia linguaxe, entendida por tódolos veciños. En Camariñas hai que saber, como mínimo, o seguinte:

Cando morre un home, anúnciase o seu pasamento tocando seguido durante uns minutos dúas badaladas da campá grande e unha da pequena.

Cando morre unha muller, faise o propio, pero tocando duas da campá pequena e unha da grande.

         Os mesmos toques, máis lentos e alongados, que ás veces podían escoitarse todo o día, -polo menos, así sucedía hai anos, sempre en función da propina que se lle dese ós rapaces encargados de tirar das cordas desde a tribuna- anuncian funerais por un home ou unha muller.

Cando morre un anxiño -un anxeliño, dicimos nós- as campás repinican. O repinique usase tamén para anuncia-las celebracións relixiosas máis sinaladas, o Sábado de Gloria no momento da Resurreción, cando se coñece a noticia de que hai novo Papa, e tamén para tocar á rebato, cando se incendia unha casa, ou en ocasións deste tipo.

Habitualmente, a campá grande, que ten moi bo son, é a encargada de chamar á Misa e ós demáis oficios relixiosos.


O noso párroco, Don Jesús, preparandose para a celebración


Para repenica-las campás hai que subir por unha estreita escaleira e, unha vez arriba, coas pernas abertas, ben fingado nos bordes da boca que da acceso ó campanario, coller coa man dereita o badalo da campá grande e coa esquerda o da pequena e, coidando de non danarse coas rozaduras nos bordes das campás, tocar con ritmo de muiñeira ou foliada, se se trata de repinicar, levando sempre o ritmo coa grande e “floreando” coa pequena. Agora mesmo non sei, mais históricamente houbo moi bos repenicadores en Camariñas.

Son cousas que se nos ocurren sobre as campás da nosa igrexa parroquial de San Xurxo, ó fio da novedade que supón levar a do cargueiro “Angélica”, extraida do fondo do mar polo experto buzo de Camelle, para a nosa Virxe do Monte, á que lle rezabamos na emigración:

Miña Virxiña do Monte
que ós mariñeiros sempre vixilas
non permitades que morra
lonxe da Terra, da Terra miña.

O Monte Farelo e, no seu cumio, a ermida da Virxe do Monte


Post Data:

Agora, na Semana Santa de 2012, anos despois de escribi-las liñas anteriores, facémoslle a Nosa Patrona a mesma petición da cantiga anterior e, dende lonxe, coa mesma fé que herdamos dos nosos maiores e co corazón sempre na nosa Terra, engadimos o noso anceio de poder facer realidade moitas veces o desexo da cantiga popular:

Veño da Virxe do Monte
Da Virxe do Monte veño
Veño de subi-la costa
De subi-la costa veño.


 

2 comentarios:

  1. VIRXE DO MONTE

    Miña virxiña do Monte,
    miña virxe benquerida;
    noutra banda tela Barca,
    e, na nosa, tela Ermida.

    Miña Virxiña do Monte,
    bendí aos que te visitan,
    ben sexa en corpo ou en alma,
    que a todos levas na Lista.

    Antonio Puertas

    ResponderEliminar
  2. A VIRXE DO MONTE

    A nosa Virxe do Monte
    ten a casiña pequena,
    con catro santos de pau,
    e catro esquinas de pedra.

    Anda sobre a marusía,
    pois é boa mariñeira;
    a Barca agarda en Muxía
    á que lle amañen a vea.

    Inda hoxe están enleados
    remendando chafulleiros,
    e a Nai co Fillo encantados,
    paseando polos rueiros.

    Antonio Puertas

    ResponderEliminar