Fermosa estampa da fachada de Camariñas, obra de Diego Alonso
CAMARIÑAS
TERRA CANTAREIRA
O xornal LA VOZ DE GALICIA salienta na súa edición de hoxe que Camariñas apúntase con éxito á música coral. Ademáis, no subtítulo da información, asinada por S.G. Rial, explica que Catro agrupacións participaron no primeiro encontro celebrado na Casa de Pedra, con cheo absoluto. Moito nos alegramos da boa nova, porque a vila das palilleiras foi sempre cuna de grandes cantores. Son moitos os nomes que están na mente de todos, sobre todo os mais vellos, e hai que aledarse desta recuperación do canto co labor que veñen levando a cabo as duas corais que temos en Camariñas -a da parroquia e a municipal- e grupos como Os Panchos do Jolfendro, que xa teñen un disco.
Cantando no auditorio camariñán da Casa de Pedra
Esta é parte da información que ofrece o xornal coruñés:
“A Casa de Pedra de Camariñas acolleu o sábado pola noite o seu primero Encontro de Corais, organizado polo Concello. Empeza ben: o salón de actos estaba cheo. Foi un bo comezo e unha preparación para o certame que se celebrará o vindeiro 5 de maio no mesmo lugar, anque neste caso organizado pola asociación Neria.
No acto do sábado, as agrupacións convidadas foron a polifónica Endesa-As Pontes, Airiños de Nós de San Pedro de Nós, O Peirao de O Freixo, de Outes, e a anfitriona, a Coral Municipal de Mulleres de Camariñas. Integrada por 35 voces femeninas, é o resultado dunha iniciativa que xurdiu da área de Igualdade do Concello fai uns cinco anos, e que se foi consolidando.
A directora, Charo Vázquez, recibiu como detalle un ramo de flores das cantantes, o mesmo que Carmen Linares, concelleira de Servizos Sociais, departamento no que se xestou no seu momento esta agrupación.
Non foron os únicos presentes entregados. Ademais da propia música, tamén os representantes dos outros tres grupos tiveron os seus. E moi representativos: unha reprodución dun barco de vela, feita esta de encaixe”.
Cantando na praia de Xaviña. No centro, Maruja Liñeiro
GALICIA E A MÚSICA
No meu libro INTRODUCCIÓN Á CANCIÓN GALEGA, editado pola Conselleria de Cultura en 2004, fixen referencia á tradición cantareira da miña vila natal, onde atopei exemplos para todo canto quería dicir sobre Galicia e a música. O feito deixa clara a importancia musical de Camariñas, polo que recollemos a continuación unha parte da introducción desta obra. Se o desexan, onde pon Galicia poden poñer Camariñas e o resultado será o mesmo:
“Tense dito algunha vez que foi Silio Itálico quen primeiro se referiu por escrito á afección cantareira do pobo galego. Sexa ou non o pioneiro no recoñecemento público da nosa boa predisposición para o canto, o certo é que o escritor dos tempos de Augusto evocou nas súas Púnicas (III, 347) “ós guerreiros mozos da rica Galicia que marchaban con Anibal, expertos adivinos, ululando cantos na súa extraña lingua”. Así se expresaba:
Fibrarum, et pennae, divinarumque sagacem
Flamarum misit dives Gallaecia pubem,
Barbara nunc patriis ululantem carmina linguis...
En todo caso, a referencia á facilidade e á habilidade do pobo galego para entoar cantos nas máis variadas circunstancias do acontecer cotiá é case un tema recurrente ó longo da historia para moitos autores.
Coro camariñán de homes actiuando no Cine Moderno
UN GRAN CANCIONEIRO
Por eso mesmo, cando Xosé Filgueira Valverde escribe o limiar do Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro e Folgar, colexido polo país adiante entre os anos 1884 e 1924, e que ven a se-lo primeiro dunha Terra abondosa en cancioneiros, o polígrafo pontevedrés empeza dicindo que “é este o Cancioneiro Musical dun pobo lírico”.
Porque sucede, efectivamente, que en Galicia houbo sempre un canto, ou unha dúcia, para case todo. Hai cantigas dos oficios ou traballos, das épocas do ano, dos lugares, dos animais, dos sucesos e dos feitos, das situacións personais, das cousas da vida, dos sentimentos máis diversos... Hai cantigas específicas de mariñeiros e labregos, canteiros e lavandeiras, curas e frades, costureiras e xastres, palilleiras e fiandeiras, caciques e probes de pedir, dos vellos e da xente nova...
E hainas da sega e do tempo de maza-lo liño, da costeira da sardiña e do vento mareiro; do Nadal, o Aninovo e os Reis; do Entroido, a época da matanza e a dos magostos; da vendima e o viño novo, do canto cuco e do paspallás, do moucho que está enriba daquel penedo e do carrizo que ten o niño no cañoto dun repolo, do boi mouro e máis da vaca marela, dos cans e os gatos, dos cochos e dos cabalos... Falando de animais, por certo, e xunto coas do can, o gato e a vaca, que son as máis habituais, non faltan en case tódalas comarcas as dedicadas ó raposo, tan presente sempre nos contos populares que se contaban a carón da lareira. Eis un exemplo:
O raposo está berrando
no alto de Camariñas
que lle leven uns zoquiños
que lle pican as espiñas.
A lista non ten cabo. Inclue, por suposto, cantigas que falan dos noivados e os casamentos, dos amoriños primeiros -que son moi malos de olvidar- e dos imposibles, das chanzas e as picardias dos namorados, das veladas no muiño e das noites de romaría, deles e delas, dos de aquí e dos de alá, dos de arriba e dos de abaixo, dos do mar e os da montaña... E da morriña, da saudade, da emigración, da dor da ausencia, do adeus á Terra nai... sempre entre bágoas de dolor, como di un dos textos aquí recollidos.
Neste disco apareceu a primeira versión da habaneira "Casiñas brancas"
E, claro, hai cantigas dos lugares. Cada un dos milleiros de lugares da nosa Galicia -temos máis da metade dos de toda España-, e por moi pequeno que sexa, estea situado terra adentro ou na beira do mar, ten, seguro que si, a súa canción, ou incluso varias, coa súa música festeira ou, todo o contrario, chea de saudade, porque hai mil xeitos de cantarlle ó lugar natal, que tan dentro levamos tódolos fillos do fogar de Breogán:
Camariñas, Camariñas
El Rei te quixo vender
o que merque a Camariñas
moito diñeiro ha de ter.
Tódalas orquestras tocaron as "Cantigas de Camariñas"
Os santos populares, sobre todo os mais avogosos e milagreiros, xunto coas variadas advocacións marianas que se veneran nas distintas parroquias e ermidas da nosa Terra, tamén teñen as súas cantigas. Hai exemplos a moreas e cada galego sabe, ademáis das comúns -as dedicadas á Virxe da Barca, á Virxe do Monte, á Virxe de Guadalupe, á Virxe dos Milagres, á Nosa Señora da Guía, ó Santo Cristo de Fisterra, San Adrés de Teixido, San Adrián do Mar, San Campio, San Benitiño, Santiago...-, as correspondentes ós santos ou ás advocacións marianas da súa zona. Esta é tamén, como tódalas demáis que se poñen de exemplo, da vila das palilleiras e fala da súa patrona:
Veño da Virxe do Monte
da Virxe do Monte veño
veño de subi-la costa
de subi-la costa veño.
As "Cantigas de Camariñas" apareceron neste disco de Petapouco
As cantigas populares que conmemoran e lembran sucesos e feitos varios da historia teñen, ás veces, moita retranca. O exemplo desta estrofa, aínda viva en Camariñas, é unha boa mostra da época da perda das colonias, neste caso da pérola do Caribe, cando o ilustre camariñán Miguel Feijóo Pardiñas, fundador do Real Club Náutico de A Coruña, se convertía en heroi da acción do “potrero garrido”:
Camariñas tente firme
que La Habana ya cayó,
Puerto Rico está temblando
con el susto que tomó.
Contraportada do disco das "Cantigas de Camariñas"
Xa que logo, o pobo galego soubo expresarse ó longo da historia a través dunhas cantigas que foron constituíndo, co paso do tempo, todo un “corpus” lírico e musical que xa foi obxecto de variados estudios e dun gran labor de recolleita por parte de investigadores nacionais e extranxeiros.
O poeta Ramón Cabanillas, no seu libro Antífona da Cantiga, o primeiro que publicou a Editorial Galaxia, alá polo 1951, explica esta realidade salientando no limiar da obra que a cantiga popular é algo tan importante para Galicia que para el convértese en “fonte barbulleante por onde verte o seu sentimento lírico e a súa enxebre intimidade, en rosarios de verbas cristaíñas”.
Para o vate de Cambados, a cantiga popular acolle tódolos tipos humanos e tódalas actividades que animan a vida cotiá do pais: “o galego que fai a seitura e a colleita, o que tira do guindastro e pica a pedra, o que descasca e entalla o castiñeiro e o carballo, a moza que fía na roca e encende o lume do fogar e o arriscado mariñeiro que, ó ir e vir das augas inquedas, loita coa morte a treu encol das endebles táboas da dorna...”. E recolle tamén tódolos sentimentos do pobo: “esperanzas, tenruras, ciumes e desdéns, dores da ausencia, agruras da empencha, costumes, ledicias e devocións pasan vivos e latexantes pola copla, xa que tódalas rendas espirituais están tecidas cos seus fios. Tal é a nosa copla: recendo místico da Galicia, arcaz que garda os nosos degaros, relembros e querencias; espello que refrexa e cendal que transluce as nosas penas, costumes e ledicias; espíritu inmorredoiro aniñado na carne viva do pobo, de cotío en pálpito fervoroso e criador”.
2º disco dos Petapouco con Mari Carme na portada
Polo que atinxe ós alicerces sobre os que foi agromando o noso cancioneiro popular, máis alá das evidentes lagoas da historia e metidos xa no medio das brumas medievais, sabemos que monxes franceses e peregrinos a Compostela dos primeiros tempos trouxeron a Galicia, polo Camiño de Santiago, a música europea. E aínda que o primeiro documento coñecido da lírica galega son as Sete Cancións de Amor de Martin Codax, do século XIII, xa é sabido tamén que o propio Marqués de Santillana situa antes ós troveiros, fosen andaluces, extremeños ou casteláns, escribindo ou cantando as súas obras en lingua galega.
Porque o galego era daquela o idioma preferido para as cantigas. Utilizando a lingua propia de Galicia era como aqueles troveiros lograban “dar corpo belido e enxoiar con gaios dicires os mais doces e requintados sentimentos do íntimo”, en palabras de Cabanillas. O galego, sí, era naquela hora o idioma preferido para a poesia e foino sempre para o canto propio do pobo. Por eso, as cantigas populares, precisamente por esa condición, conservaron os xiros lingüísticos mais enxebres e veñen a constituir hoxe auténticos cadros da vida do pais, dos costumes das comarcas, dos modos, dos oficios, dos tipos populares e da propia paisaxe.
Portada do disco de Ana Kiro que incluiu a habaneira "Costa da Morte"
Contraportada do disco anterior coas composicións de Xosé-Luís Blanco
O CANTO POPULAR
A cantiga popular galega encerra moitos saberes e compendia todo un xeito de vida, como se pode ver nos grandes cancioneiros recopilados por investigadores tan sobranceiros como Xesús Bal e Gay, Eduardo M. Torner, Casto Sampedro e Folgar, Ramón Cabanillas, Eladio Rodríguez González, Xaquín Lorenzo Fernández, Xosé Pérez Ballesteros ou, máis recentemente, Dorothy Schubart e Antón Santamarina. Outras obras, como os cancioneiros de Carlos Villalba Freire e Xosé Luís Fernández Castro, ou as escolmas de cantigas preparadas polo mestre Rey Rivero, Clodio González Pérez e Manuel Rico Verea, xunto con outras moi meritorias, son tamén aportacións de grande interese. Mención especial merece para o autor a fermosa obra “Así canta Galicia”, publicada en 1963 por Daniel González Rodríguez, primeiro director da prestixiosa Coral de Ruada, de Ourense, coa que viaxara ás Américas.
Como se pode comprobar, estamos a falar do canto popular e do tradicional, e seguro que, ás veces, corrémo-lo risco de poder dar a impresión de que misturámos ámbolos dous conceptos, cando xa é sabido que, en puridade, non é o mesmo popular que tradicional. Sucede tamén que, nalgúns casos, o tradicional é popular, ou o popular ven a ser tradicional, ainda que este mesmo traballo recolle moitos cantos populares que non son tradicionais, e quizáis algún tradicional que non é tan popular.
Los Tres Soles gravaron "Cantigas de Camariñas" e "Casiñas brancas"
Sen embargo, como non quixéramos meternos en disquisicións semánticas, ás que tan afeccionados son algúns, e tampouco convertirnos en xuizes inapelables do que é e non é popular, e menos aínda do que é e non é galego -praza que sempre tivo os seus catedráticos, nomeados por non se sabe quén-, debemos deixar constancia de que, cando falamos de popular, debe quedar claro que nos referimos ás cancións que canta o pobo, ou unha parte considerable do pobo, máis ou menos espontáneamente, nun momento determinado. Entendemos, logo, por popular, como sinalan os diccionarios, algo que sae do pobo ou é aceptado por este; algo que é usado polo pobo, que goza de aceptación. Ese é o campo onde queremos situar este traballo e a fonte onde bebeu.
Se tratamos, pois, con estas premisas, do cancioneiro popular galego, parece evidente que xa non abonda con facer unha recolleita ó xeito tradicional, nin co repaso dos traballos dos autores citados, onde tanto se bebeu, a maioría das veces sen cita-la procedencia. Entendemos que haberá que empezar a comprende-la nova realidade e a recollela nos cancioneiros, asumindo que o cancioneiro popular tradicional mantívose sen problemas durante tempo e tempo -incorporando sempre as novidades propias de cada época, por suposto-e serviu para dar canle á afección cantareira do pobo galego... en tanto non chegou o gran cambio social que produciron feitos como a revolución do transporte e, máis recentemente, o papel uniformizador e globalizador dos medios de comunicación de masas, moi especialmente a radio e a televisión.
Portada dun dos long play gravados pola cantante Ana Kiro
Tódalas cancións deste disco foron obra do autor camariñán
As cancións tradicionais, no novo contexto, empezaron a deixar de ter sentido, xa que, en moitos casos, falaban de situacións que só existían xa nos cancioneiros e mesmo eran difíciles de entender por parte dos máis novos. Así as cousas, o mundo da canción popular empezou a cambiar e de maneira moi rápida. Sempre foi mudando, por suposto, porque o folclore, para selo de verdade, ten que ser algo que vai axeitándose ós tempos, moi pegado á pel do pobo, perdendo e gañando. A etimoloxía da propia palabra xa o indica: folk e lore, pobo e saber, saber do pobo. Pero agora, co papel sobranceiro que ocupa a comunicación e en pleno proceso de globalización, as cousas cambian con moita maior rapidez”.
AIRIÑOS
ResponderEliminarAiriños, que gardo dentro
e que marcan meus falares,
aires que marcan o acento
cando falo os teus falares.
Levan a forza do vento
cando sopran nos meus lares,
cando suspiro por eles
e cando afogo en cantares
Cando lembro a miña xente
e cando canto pesares,
airiños, airiños aires,
que estoupan cos meus falares.
Antonio Puertas.