jueves, 17 de mayo de 2012

ACTO NO PANTEÓN DE GALEGOS ILUSTRES



O GALEGO, FERRAMENTA
DE UNIDADE E LIBERDADE



"A NOSA CULTURA, A NOSA LÍNGUA, ESTÁN VIVAS”, DIXO O PRESIDENTE DA XUNTA E DO PP DE GALICIA, ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO NA OFRENDA QUE FIXO COAS NOVAS XERACIÓNS DO PARTIDO POPULAR

Diante do sartego de Rosalia de Castro en Bonaval


“SEMPRE HOUBO GALEGOS INSIGNES QUE NON SE RENDERON DIANTE DAS FATALIDADES, GALEGOS  QUE SABIAN QUE PERDER O TESOURO DO IDIOMA PROPIO ERA COMO PERDER UNHA PARTE DA PROPIA ALMA”

Crónica do dixital GALICIA HOXE

O líder do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, chamou este mércores a facer do galego "unha ferramenta de unidade e liberdade, útil no traballo, nas relacións sociais e nas novas tecnoloxías" e a ter o idioma "como unha lingua capaz de irmandarse con todas as demais, que non exclúe senón que incorpora".
Proclamouno tras a ofrenda floral realizada, con motivo do Día das Letras Galegas, no Panteón de Galegos Ilustres, a onde acudiu acompañado de mozos de Novas Xeracións (NN.XX.) e onde leu un manifesto no que se fixo eco de "penalidades" atravesadas por cultura e a lingua de Galicia ao longo de séculos, para engadir que, aínda así, non seguiron "o triste final" doutras que se esvaeceron "sen deixar máis que un breve recordo".
"A nosa cultura, a nosa lingua, están vivas", sentenciou o xefe de filas do PPdeG, para engadir que hai que preguntarse "por qué Galicia consegue cos seus sinais de identidade o que outras comunidades non lograron".
"A primeira resposta está aquí", respondeu, antes de recordar que "sempre houbo galegos insignes que non se renderon diante das fatalidades". Galegos, rememorou o presidente, que sabían que "perder o tesouro" do idioma propio era como perder "unha parte da propia alma".

Por iso, engadiu, "loitaron por el, reivindicárono" e rescataron do pobo "palabras que estaban condenadas á morte", facendo con elas unha cultura "capaz de traspasar o tempo". O seu logro, interpretou o presidente, foi "un milagre froito do empeño por un ideal fermoso".

O "PEOR" INIMIGO DA LINGUA


Segundo Feijóo, a segunda resposta está "fóra", na "sociedade", en todos os galegos "anónimos" que sentiron que o idioma era "un vínculo que non podían romper xamais". Así, defendeu, "coidárono o mellor que sabían" leváronllo á emigración como unha propiedade de "inapreciable" valor, transmitíndoo "a xeracións posteriores".
"Eses millóns de galegos non están aquí, pero meten tamén un panteón na nosa memoria. Formaron un exército invisible e pacífico conxurado para a supervivencia da nosa cultura", aseverou, para engadir que a terceira resposta está "nos que se esforzaron en facer da identidade cultural unha ponte e non un muro".
Non en van, advertiu de que non hai "peor inimigo da lingua" que quen a utiliza "para separar, para establecer lindes ou diferenzas". E é que, ao seu entender, as linguas que se usan "como ferramentas de división" acaban suicidándose. "Perduran as que son gardadas con cariño por un pobo que se quere sentir unido", esgrimiu.

 "A NOSA GRANDE AUTOVÍA"

Na lectura do manifesto, fixo fincapé tamén no valor do galego como elemento de achegamento. "Aproximou galegos afastados. Transformou en comunidade homes e mulleres separados pola xeografía. O galego foi a nosa grande autovía, cando as infraestruturas eran aínda incipientes", esgrimiu.
Agora, continuou, vívese "nun mundo global" diferente ao que coñeceron os antepasados e Galicia recibe "innumerables influencias culturais". Segundo Feijóo, ditas influencias "enriquecen" os galegos, pero aínda así, os cidadáns da comunidade teñen "o dereito e o deber" de que se escoite "a súa voz".
"Nós tamén podemos influír. Podemos estar no mundo globalizado despersonalizados ou coa nosa propia idiosincrasia, achegando os innumerables valores dos que fixeron abasto os nosos pais e avós", contrapuxo, antes de asegurar que a súa postura ante esta elección está "clara".
"Temos que decidir e a nosa decisión está clara. Querémola deixar patente neste 17 de maio. Galicia está e estará no mundo tal como é, falando o que fala e desempeñando o seu papel entre os demais pobos de España, de Europa e do mundo,", ha aseverado.

"FERRAMENTA DE LIBERDADE"

Deste modo, ante o reto que o galego ten por diante, pediu aos seus actuar como "axentes activos" e facer do idioma "unha ferramenta de unidade e liberdade". "Vede nel unha parte importante de vós que vos axuda a conectar co pasado e co futuro", pediu.
"Tede o galego como unha lingua capaz de irmandarse con todas as demais, que non exclúe senón que incorpora", agregou, antes de defender que dar estes pasos suporá continuar "unha tarefa de séculos" protagonizada "por galegos ilustres e anónimos".
"Non podemos interrompela porque nela está tamén noso destino como pobo unido, singular e universal", concluíu Feijóo.


Ofrenda en Lérez de Pachi Vázquez e Alfonso Paz-Andrade








No hay comentarios:

Publicar un comentario