DECLARACIÓN
INSTITUCIONAL
DA XUNTA DE GALICIA
17 de maio de 2012
Na gran celebración da nosa lingua e
literatura, instituída pola Real Academia Galega cada 17 de maio, e que este
ano acada a súa quincuaxésima edición, a Xunta de Galicia acordou sumarse á
homenaxe correspondente ao Día das Letras Galegas de 2012.
Desde o Goberno de Galicia, entendemos esta
data como unha celebración da nosa identidade. Aberto aos grandes intercambios
do tempo actual, este día sitúa ante nós mesmos, no plano que lle corresponde,
o valor da nosa expresión literaria e, canda este, o da nosa presenza, con
personalidade propia, na realidade cultural na que nos inserimos.
Sumándonos á proposta da Real Academia
Galega, que escolleu a Valentín Paz-Andrade para esta efeméride especialmente
significativa, dentro dunha tradición que marca a evolución cultural de
Galicia, desde esta institución tomamos a súa obra como un modelo de inmensa
lucidez para a vertebración dunha sociedade de moi singular bagaxe cultural,
decantada en milenios de peregrinación intelectual e espiritual cara á nosa
terra e en séculos de proxección exterior, nos planos económico e intelectual,
en Europa e en América.
O Presidente Feijóo co Presidente da Real Academia Galega
Cremos que, deste xeito, a nosa iniciativa
se fai eco da vontade de todas as galegas e de todos os galegos, ao tempo que
reforzamos a mensaxe de concordia e de confianza nas nosas posibilidades para a
apertura de novas e mellores expectativas, na nosa convivencia e na forma en
que a nosa presenza se integra no mundo.
Este Goberno súmase á chamada anticipatoria
dun dos grandes homes das nosas letras, que soubo desenvolver con mestría
innumerables facetas, desde a poesía ao xornalismo, co ensaio e a crítica
sumadas nun home que viviu todo con intensidade infatigable. Con tal entrega ao
labor intelectual, soubo dexergar na unidade dos galegos, e na confianza nos
recursos dos que dispoñemos, un camiño de prosperidade e de horizontes amplos,
no que a pluralidade de ideas e de perspectivas sobre o feito común dunha
Galicia nova resulta compatible coa suma de activos de todas as procedencias
cara ao obxectivo común, situado en traer á realidade tanxible aquilo que o
noso potencial nos ofrece xenerosamente.
Valentín Paz-Andrade, emprendedor, creador
literario e analista económico, concibiu esta transformación posible a partir
do estudo dos datos, recompilados e interpretados dun xeito rigoroso. A través
del comprobamos como a mente creadora, a investigadora e a do empresario con
miras elevadas representan aquilo ao que Galicia aspira, sustentada nas súas
capacidades individuais e sociais e na riqueza que posúe, sobre a que podemos
construír a nosa calidade de vida, na responsabilidade e na apertura á obra
común, que nos beneficia como conxunto indivisible.
Acto institucional na Real Academia Galega
No hay comentarios:
Publicar un comentario