martes, 8 de mayo de 2012

ANIVERSARIO DE DOUS ARTISTAS DE SONA


MARTA SÁNCHEZ
E ENRIQUE IGLESIAS
CUMPREN ANOS HOXE


        Ningún deles naceu en Galicia, pero ámbolos dous son de orixe galega. No caso de Marta Sánchez, non só ten vivido de nena e moitas tempadas, sobre todo veranegas, en Galicia, senón que mesmo gravou algunha canción en idioma galego, como o poema “Quen poidera namorala”, de Álvaro Cunqueiro, musicado por Luis Emilio Batallán.



         Polo que atinxe ó fillo de Julio Iglesias, tivo no seu avó, o doutor Julio Iglesias Puga, un bo mestre de galeguidade, pois sempre fixo gala da súa orixe ourensá. E non se esqueza tampouco que o seu pai, o cantante latino que mais discos leva vendidos, é o autor de “Un canto a Galicia”, un tema escrito na língua galega que aprendeu nos moitos veráns que pasou na banda norte da ria de Vigo e que ainda hoxe ten que interpretar de xeito obrigado nos seus concertos, polo moito que significou na súa carreira.




        Marta é unha madrileña moi vencellada á Coruña, tanto pola súa infancia coruñesa como por ser a cidade natal da súa nai, Maria Paz López Pestonit. Durante anos pasou os veráns en Sanxenxo. O seu pai, Antonio Sánchez Camporro, era natural de Xixón e fíxose piloto na Escola de Náutica de A Coruña, mais dedicouse por enteiro á vida artística e con éxito co nome de Antonio Campó. Foi un destacado barítono e, como salienta a Enciclopedia Galega Universal, “cantou ópera con destacados intérpretes, como Bemianino Gigli, Alfredo Kraus e Victoria de los Ángeles, e asistiu á coroación da Raíña Isabel de Inglaterra. Considerado un dos máis destacados intérpretes da lírica española da segunda metade do s XX, deixou gravacións de cantigas galegas de Baldomir, Montes, Canuto Berea e Chané. Naquel disco, con acompañamento de gran orquestra de concertos e o Coro Cantores de Madrid, Campó fai excelentes interpretacións de temas como “Negra sombra”, “Lonxe da terriña”, “Como foi”, “Un sospiro” e “Meus amores”.

Antonio Campó, barítono, pai de Marta Sánchez


        Pola súa banda, Enrique Miguel Iglesias Preysler, mais coñecido como Enrique Iglesias, naceu en Madrid hai 37 anos e desde hai trinta reside en Miami, Florida. Antes de contar coa súa propia casa no mesmo condado de Dade, estivo a cargo do seu famoso pai, coa atención directa da súa avoa paterna, Maria do Rosario de la Cueva e Perinán, finada hai dez anos na cidade nortemericana. Enrique é o mais novo dos tres fillos que o célebre artista tivo con Isabel Preysler e o que soubo seguir os seus pasos no mundo da canción, ainda que con estilos totalmente distintos, como corresponde a un mozo da súa idade e ós novos tempos. Polo de agora, Enrique nunca gravou ningún tema en galego, nin deu mostras de ter unha querencia especial pola terra do avó, como ten feito, por exemplo, a súa irmá Cháveli, á que en familia chaman a galega da casa, mais estamos certos de que un dia, en homenaxe ás súas orixes, e tal como fixo o seu pai, vai darnos unha sorpresa moi agradable.

        Happy birthday para os dous.

        Que cumpran moitos mais.


Julio con Manuel Fraga, presidente da Xunta de Galicia

"No niño novo do vento", por MARTA SÁNCHEZ

No hay comentarios:

Publicar un comentario