GALICIA
VIVE UNHA GRAN XORNADA FESTIVA COA CELEBRACIÓN DE ACTOS CULTURAIS
NAS CATRO PROVINCIAS
TAMÉN CELEBRAN ESTE DIA
A INMENSA MAIORIA DOS CENTROS GALEGOS E CASAS DE GALICIA DO MUNDO
XURISTA E POLÍTICO GALEGUISTA,
EMPRESARIO, ENSAISTA E POETA, VALENTIN
PAZ ANDRADE IMPULSOU CON MANUEL FERNÁNDEZ A CREACIÓN DE “PESCANOVA”, A
PRIMEIRA GRAN MULTINACIONAL GALEGA, DA QUE DENDE 1960 FOI VICEPRESIDENTE
EN ALEMAÑA ORGANIZAN TODA UNHA SEMANA CULTURAL GALEGA NA PRAZA DE KONSTABLERWACHE DA CIDADE DE FRANCKFURT. EN LAUSANNE, NA SUIZA, VAN CELEBRAR O DIA CUNHA CONFERENCIA DE TUCHO CALVO, XANTAR E ACTUACIÓNS ARTÍSTICAS
EN BÉLXICA ORGANIZARON UNHA MESA REDONDA EN BRUXELAS COS POETAS HELENA VILLAR JANEIRO E XESÚS RÁBADE PAREDES
EN BARCELONA ABREN O “SALÓ DE CENT” DO
CONCELLO PARA UNHA CONFERENCIA, QUE PRONUNCIARÁ A POETA PURA SALCEDA
O DIA DAS LETRAS GALEGAS TAMÉN TEN ECO EN 16
PAISES DE EUROPA E AMÉRICA E EN VARIAS UNIVERSIDADES EUROPEAS E AMERICANAS
En toda
Galicia, e polo tanto tamén na Galicia Exterior, van celebrarse hoxe
innumerables actos, en conmemoración do Dia das Letras Galegas e en homenaxe a
Valentín Paz Andrade, a quen se dedica este ano esta iniciativa da Real
Academia Galega.
A cidade de Vigo será hoxe o
escenario principal dos acontecementos do dia. A Real Academia Galega organiza
cada 17 de maio unha sesión plenaria extraordinaria e pública, e este ano terá
lugar ás doce do mediodía na na Fundación Barrié, na cidade olívica. Na mesma
participarán os académicos Xavier Vence Deza, Manuel Rivas Barrós, Ramón
Villares Paz, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xesús Alonso Montero e o
presidente da institución, Xosé Luís Méndez Ferrín.
A propia cidade de Vigo acollerá,
unha hora antes, no Edificio Sanchón, e con organización do concello vigués, o
acto de descuberta dunha placa dedicada ao célebre e polifacético galeguista.
Pola súa banda, a Xunta de Galicia sumarase á celebración institucional do Dia
das Letras Galegas cun acto no Centro Integrado de Formación Profesional
Valentín Paz-Andrade,de Vigo ás 13.30 horas. Nel, o presidente da Xunta,
Alberto Núñez Feijóo, inaugurará unha exposición multimedia sobre o autor.
Ademais, a partir das 19.30 horas, en Santiago de Compostela, a Cidade da
Cultura acollerá un recital de Yolanda Castaño xunto co grupo 'Tender a man'.
Polo demáis, o centro cultural de
Novacaixagalicia en Vigo acolle unha exposición-homenaxe a Valentín Paz-Andrade
baixo o título "Galiza como tarefa", con documentos orixinais,
fotografías da época, mapas, debuxos, maquetas, obras de arte e documentos
audiovisuais.
Hoxe, Galicia é unha festa
No concello de A Coruña, o Teatro Rosalía Castro será escenario, ás 12.15 horas, do concerto extraordinario do Día das Letras Galegas, no que participarán a Banda Municipal de Música de A Coruña e o Coro Cántigas da Terra.
O municipio de Ferrol organiza un
acto central na súa zona rural en colaboración coa Agrupación de Asociacións de
Veciños do Rural no local social de Esmelle. Consistirá nunha xornada aberta ao
público que comezará ás 17.30 horas e que contará coa asistencia do alcalde,
José Manuel Rey Varela. Comezará coa actuación do alumnado do colexio de Pazos,
que realizarán unha descrición de Paz Andrade. A continuación, a compañía
"Crucía Teatro" de Santa Icía representará unha peza.
Lugo celebrará o Festival de
Danzas e Gaitas no que, a partir das 12:45 horas, preto de 260 nenos se
xuntarán na Praza de Santa María para realizar un paseo cos traxes tradicionais
ata a Praza Maior, onde darán unha volta e realizarán bailes de pezas que traballaron
ao longo do curso.
Ademais, en Pontevedra proxectarase cinema en galego na rúa (Engurras e Tamén a Chuvia) e realizarase un acto popular de homenaxe na Praza de Curros Enríquez, cun recital poético, actuación da Coral Polifónica de Sobradelo, do Coro da Asociación Sociocultural O Burgo e da Banda de Música de Pontevedra.
A Fundación Granell celebrou onte un recital en homenaxe a Paz Andrade, a cargo do grupo de teatro da Asociación Cultural para ou Desenvolvemento sen Fronteiras. Este grupo, que dirixe María Montaña, está formado por mulleres maiores de cincuenta anos e leva en activo dende o ano 2005. Dende entón, deron a coñecer textos de Juan Ramón Jiménez, Edgar Allan Poe, Manuel Lugrís, Eugenio Granell, Miguel Hernández, Val-Inclán e moitos máis autores.
A Fundación Camilo José Cela
abrirá as súas portas de forma gratuíta ó longo de todo o dia de hoxe e mañá,
venres, Día Internacional dos Museos, faráo en horario de mañá de 9:00 a 14:00
hrs, permanecendo aberta tamén no mesmo horario tanto o sábado como o domingo.
O Consello da Cultura Galega organizou o segundo Concerto Día das Letras Galegas, que tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra o mércores ás 21.00 horas con entrada gratuíta. O concerto estará protagonizado pola Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave e nel participaron tamén a Sociedade Coral Polifónica e o Coro Académico do Conservatorio Profesional 'Manuel Quiroga' de Pontevedra. Durante a sesión estrearonse as obras 'Cantata das Cantigas', de Roxelio Groba; e 'Caderno de bitácora de Valentín Paz Andrade', de Juan Durán. Así mesmo, ofreceron dúas 'Cancións Xacobeas', compostas por Antón García Abril sobre poemas de Celso Emilio Ferreiro.
Fala o Conselleiro de Cultura
O pasado sábado, cando presentou a programación da Xunta de Galicia para este Dia das Letras Galegas, o conselleiro de Cultura e Educación subliñou que con ela o Goberno galego contribúe á difusión da obra e da biografía do autor elixido nesta ocasión, así como á posta en valor da lingua e da literatura galegas. A programación da Xunta de Galicia achegaralles –dixo- a figura de Paz Andrade, non só a todos os concellos de Galicia, senón a milleiros de cidadáns do Exterior
O
conselleiro, Xesús Vázquez Abad, estivo acompañado polos secretarios xerais de
Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente,
e salientou esta celebración como “unha motivación para un fervedoiro social de
propostas nos que se implican as máis diversas entidades sociais, desde
asociacións ata cadeas de supermercados, institucións académicas e un
longuísimo etcétera”.
Neste
sentido, explicou que a Xunta de Galicia se suma cada ano “a este festexo
colectivo arredor da lingua galega e da súa literatura, coa intención de apoiar
e de promover un conxunto de iniciativas coas que pretendemos contribuír á
difusión da obra e da biografía de Paz-Andrade, así como á posta en valor da
nosa lingua”.
Tal e como explicou o conselleiro, as actividades en homenaxe a Paz Andrade arrincaron coa posta en marcha do web do autor (http://www.valentinpazandrade.es/) como centro informativo e de documentación, “un motor para as múltiples actividades que se xestan desde asociacións e entidades de todo tipo, tanto dentro como fóra de Galicia”, e que permite asegurar “unha chegada masiva e sen fronteiras para calquera persoa interesada”.
O conselleiro Xesús Vázquez Abad
Difusión exterior das Letras Galegas
O conselleiro quixo facer unha mención
especial á ampla actividade arredor das Letras Galegas que se está a
desenvolver na Galicia exterior, grazas á implicación e ao esforzo das galegas
e galegos que, desde outras comunidades autónomas, difunden a lingua e a
cultura galegas.
Tamén fixo referencia á programación que
desenvolven os centros de estudos galegos de universidades de distintos países,
“que baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Política Lingüística realizan
un auténtico labor de embaixada para a nosa lingua e a nosa cultura no
exterior”. Neste senso, lembrou que a Conselleria de Cultura e Educación
proxecta a figura de Paz-Andrade en 16 países de Europa e de América a través
destes centros de estudos galegos. Os profesores lectores de galego organizan
ao longo deste mes diversas iniciativas para conmemorar as Letras Galegas e
difundir no exterior a lingua e a cultura galegas.
Un exemplo para as
xeracións futuras
Onte, logo de entregar en Rianxo os premios do concurso
no que os escolares deseñaron unha exposición multidisciplinar arredor da
figura do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2012, o conselleiro de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, puxo a figura de
Valentín Paz-Andrade como un exemplo para as xeracións futuras.
Respecto do exemplo de Paz Andrade, o conselleiro
salientou o seu “traballo constante a prol de Galicia e da súa lingua”, que
“debe animarvos a vós, rapaces e rapazas do CEIP Afonso Daniel Rodríguez
Castelao, a formarvos para serdes no futuro, coma el, semente dunha Galicia
cada vez máis próspera e tamén a esforzarvos sempre, dende hoxe e para sempre,
por dignificar a lingua galega e abrirlle todas as portas do mañá”. “Paz Andrade,
ademais, comprendeu ben que o progreso material e económico da nosa comunidade
non sería posible sen o paralelo progreso da súa cultura e da súa lingua
propia”, engadiu.
Segundo o seu fillo, foi “un visionario”
Onte, na véspera do gran dia, o fillo
do homenaxeado, Alfonso Paz-Andrade Rodriguez de Prada, definiu ó seu pai como
unha "figura tutelar" e un "visionario" con "conceptos
definidos do que tivo que ser Galicia e que ainda hoxe teñen vixencia".
Alfonso Paz-Andrade, que tamén se
licenciou en Dereito na Universidade de Santiago, como o seu pai, sostivo que
"con maior ou menor brillantez" o seu pai foi "un
visionario" que nos anos trinta pronunciu varias conferencias
"reclamando a autonomía para Galicia, nas que aludía á falta de equidade
existente na aportación do Goberno central". Tamén subliñou que
"ainda sendo fondamente galego e radical no sentido etimolóxico do termo,
Valentín era un home proxectado ó mundo", asegurou. Recoñeceu tamén non
ter recibido consellos do seu pai porque “non era moi dado” a dar
recomendacións. Para o seu fillo, Valentín Paz Andrade “foi exemplar no que
facia e era un home que dialogaba cos silencios, de xeito que había que saber
interpretalo”.
DATOS BIOGRÁFICOS
Valentín Paz Andrade naceu en Lérez, Pontevedra, o 23 de
abril de 1898, e morreu en Vigo, o 19 de maio de 1987. En
1939 casou con Pilar Rodríguez de Prada. Tiveron un fillo, Alfonso, xurista e
empresario. A xuizo do presidente da Real Academia
Galega, o poeta Xosé Luís Méndez Ferrín, o polifacético autor e pensador foi
unha persoa "moi intelixente, un gran patriota
dotado dunha forza de vontade moi poderosa" e "unha das grandes
figuras políticas e do pensamento económico da historia da Comunidade Autónoma,
ensaista e, como poeta, unha figura central que atravesa o século XX
gloriosamente. Alí onde se busque Galicia no século XX, alí aparece, mais tarde
ou mais cedo Valentín Paz Andrade".
Estudou
o Bacharelato en Pontevedra e logo fixo a carreira de Dereito en Santiago de
Compostela. Ao rematar os seus estudos pasou a dirixir o diario 'Galicia' no
que tamén colaboraron Castelao, Risco, Maside e Villar Ponte. O seu tio, o
poeta Xoán Bautista Andrade, foi quen o iniciou no mundo das letras e quen lle
presentou a figuras como Alfonso Daniel R. Castelao. Neste diario,
Valentín publicou numerosos artigos
xornalísticos, que non deixaron de causarlle problemas. No 1924 foi condenado a un mes de cárcere polo contido dalgúns
deles. Tamén escribiu en “El Pueblo Gallego” e noutros xornais.
Aquí, en Lérez, Pontevedra, descansa para sempre
A obra de Valentín Paz-Andrade é ampla
en extension e polifacética, como a súa personalidade, e abrangue poesía,
narrativa, ensaio e colaboracións en medios de comunicación. Nos primeiros apartados hai que incluir obras poéticas como Pranto
Matricial (1954), Sementeira do vento (1968) e Cen chaves na sombra (1979) e
ensaios como “La Anunciación de Valle Inclán” (1967), “Transferencias
etnolóxicas de Galicia no Brasil Ulterior” (1976), e “A galecidade na obra de
Guimaraes Rosa” (1978).
Paz Andrade amosou
as súas preocupacións políticas en obras como “O modelo federal para a
constitución do Estado galego” e “Testimuñas e prespectivas de homenaxe ao
Seminario de Estudos Galegos” (1978).
Ademais, publicou en 1982 “Castelao na luz e na sombra”, para algúns é a biografía máis importante que hai sobre Castelao.
Ademais, publicou en 1982 “Castelao na luz e na sombra”, para algúns é a biografía máis importante que hai sobre Castelao.
Polo que atinxe
ó seu labor como emprendedor, Paz Andrade traballou na posta en marcha de Pescanova, a multinacional galega de
pesca por excelencia. A partir de 1959 presentou un proxecto para a creación dunha
gran refinaría en Galicia. E tamén deseñou un proxecto para a creación dun
banco en Galicia. Estes dous últimos proxectose non saíron adiante, pero de
telo feito naquela época poderían ter cambiado o perfil económico e empresarial
da comunidade autónoma.
No eido da política, Paz Andrade foi un
galeguista convencido toda a súa vida. En 1930, tra-la ditadura de Primo de
Rivera, presidiu o Grupo Autonomista Gallego. Daquela data é un dos seus
primeiros actos políticos de gran dimension, xa que xunto a Otero Pedrayo e a
Daniel Castelao interveu nun mitin en Vigo en defensa do Estatuto de Galicia.
Participou tamén na fundación do Partido Galeguista e foi candidato por Pontevedra
ás Cortes Constituíntes na Segunda República. Despois
do alzamento militar foi desterrado a Verín e a Serra de Queixa. Posteriormente
foi confinado a Villanueva de la Serena, en Extremadura. Durante o franquismo, non xogou un papel activo, pero a
súa loita por Galicia como país continuou. Mais adiante, na Transición, foi o
representante galego na Xunta Democrática, formou parte da Comisión dos Dez (con Cañellas, Felipe González, Tierno Galván, etc) e da Plataforma de Organizacións Democráticas. Nas eleccións de 1977 foi elixido senador por
Pontevedra na Candidatura Democrática Galega.
No ano 1942 empezou a dirixir a revista “Industrias Pesqueras” e
en 1950 viaxou a Bos Aires invitado polo Centro Galego para participar nas
Xornadas Patrióticas Galegas. En 1964 foi nomeado membro da Real Academia
Galega, na que ingresou lendo un discurso titulado “A Galeguidade na obra de
Guimaraes Rosa”. Como xurista mostrou a súa
preocupación pola realidade socio-económica de Galicia en obras como Pranto Matricial, Galicia como tarefa, Sementeira
do vento, La marginación de Galicia
e moitas outras.
Foi, sen
dúbida, un dos “bos e xenerosos”.
O PRESIDENTE FEIJÓO
NA REAL ACADEMIA GALEGA
A EXPOSICIÓN SOBRE
VALENTIN PAZ ANDRADE
A CARÓN DA MIÑA CASA
ResponderEliminarA carón da miña casa
tiña unha pedra por banco,
onde se escoitaban contos
que me compracían tanto.
Os contos eran de meigas,
de afogados e adoecidos;
eran contos dos meus avós
con mortos e aparecidos.
Escoitaban palilleiras,
peneirando os seus bolillos,
calmizo a moxega das mans,
cando escoitaban ouvidos.
O lobo polas Carballas,
i o campo santo cos figos,
ca partidura das almas,
polas noites de laídos.
O home do saco nas rúas
ca carrexa de meniños;
a tola á chupa-la sangre
con coitelos nos camiños.
Un que morrera en Bos Aires,
e aparecera no Pindo;
unha viúva sen fillos,
coa vasoira, ía indo.
Berros pola media noite
sen xeito, nin seguranza,
se é que viñan d´outro mundo
ou foran dunha vinganza.
¡ Canto contiños de antes,
no regazo do banquiño !
inda que é pedra, se lembra,
do tremer do meu corpiño.
Antonio Puertas