sábado, 1 de octubre de 2011

CREADOR DE “O TREN” E “CORPIÑO XEITOSO”


ANDRÉS DO BARRO
HOUBERA CUMPRIDO HOXE
SESENTA E CATRO ANOS

Tal dia coma hoxe, o ano 1947, nacía en Ferrol, no seo dunha familia vinculada á Armada Española, o cantante e compositor Andrés Lapique do Barro, que se faría popular en toda España nos anos setenta co nome de Andrés do Barro. O artista finou moi novo en Madrid, onde pasou a maior parte da súa vida, o 22 de decembro de 1989.

Andrés do Barro foi quen de acadar algo xamais visto: situar unha das súas cancións, cantada en idioma galego, no número 1 das listas de éxitos españolas. Xa marcara un primeiro gol coa canción “O tren”, mais a seguinte, “Corpiño xeitoso”, bateu tódolos récords. Hai que dicir que, malia o tempo transcorrido, ninguén logrou un éxito desa natureza.

Convertido nun artista moi popular, non só entre o público galego, senón a nivel de toda España, pero sempre con temas galegos como “Teño saudade”, “Rapaciña”, “Miña Maruxa”, “Pandeirada”, “Con mais amor” e outros, Andrés decidiu asentarse en México, onde chegaría a gravar un tema titulado “Amor DF” cos gaiteiros do Centro Galego. Mais aquela experiencia non rematou ben e retornou á Galicia como pudo. Antes de emigrar rodou a película “En la red de mi canción”, dirixida por Mariano Ozores e con Concha Velasco como parella artística.

Andrés foi, sen dúbida, un caso insólito na historia da música lixeira galega. Quizais por eso, a mocidade redescubriu ó artista nos últimos anos, polo que se reeditaron os seus éxitos en CD co son dixitalizado. En vida grabou os seguintes discos:

Me llamo Andrés Lapique do Barro (LP 1970)
¡Pum! (LP 1971)
Andrés Do Barro (LP 1974)

No hay comentarios:

Publicar un comentario