DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
DA XUNTA DE GALICIA
NO 66 ANIVERSARIO DA ONU
"Despois da Segunda Guerra Mundial, o nacemento das Nacións Unidas como organismo internacional no ano 1945 significou a fin dunha época marcada pola guerra e os conflitos internacionais e o inicio dunha nova etapa da Comunidade Internacional que permitiría esixir aos Estados a resolución dos conflitos dunha forma pacifica e o mantemento da paz de forma duradeira.
Hai 66 anos, o 24 de Outubro de 1945, naceu oficialmente a Organización das Nacións Unidas (ONU) na cidade norteamericana de San Francisco. Cada 24 de outubro festéxase o aniversario da Organización, e esta data constitúe unha oportunidade para reafirmar o compromiso cos seus valores, principios e ideais.
A Organización das Nacións Unidas está formada actualmente por 193 Estados. De acordo á Carta, poden ser Membros das Nacións Unidas todos os países amantes da paz que acepten as obrigacións previstas nela e que, a xuízo da Organización, sexan capaces de cumprir esas obrigacións e estean dispostos a facelo.
Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta de Galicia
A ONU é un foro mundial de reunión que axuda a atopar solucións ás controversias ou problemas entre países e a adoptar medidas en relación con case todas as cuestións que interesan á humanidade. Estas cuestións son analizadas de acordo a unha serie de propósitos e principios establecidos no capítulo 1 da "Carta das Nacións Unidas", tendo como finalidades:
• Preservar ás novas xeracións da guerra
• Reafirmar a fe nos dereitos fundamentais do home
• Crear condicións para manter a xustiza e o respecto aos tratados internacionais
• Promover o progreso social e elevar o nivel de vida dos pobos
Conforme á Carta, os idiomas oficiais das Nacións Unidas son o chinés, o español, o francés, o inglés e o ruso. Ademais engadiuse o árabe como idioma oficial da Asemblea Xeral, o Consello Económico e social e o Consello de Seguridade.
A Xunta de Galicia comparte os altos ideais da Organización na súa loita contra a violencia e a pobreza e en prol do desenvolvemento, a igualdade, o respecto aos dereitos humanos e a paz e súmase hoxe, 24 de outubro, ao 66º aniversario das Nacións Unidas".
No hay comentarios:
Publicar un comentario