jueves, 5 de enero de 2012

COLABOROU NAS XORNADAS DA EMIGRACIÓN


PESAR EN  PUERTO RICO
POLO PASAMENTO DE
ISAAC DIAZ PARDO

Díaz Pardo nacera en Santiago de Compostela, onde será enterrado


COA PROFESORA MATILDE ALBERT ROBATTO, CATEDRÁTICA DA UNIVERSIDADE DE PUERTO RICO, MANTIÑA UNHA GRANDE AMIZADE

O INTELECTUAL GALEGUISTA COLABORARA NAS XORNADAS DA EMIGRACIÓN GALEGA A PUERTO RICO, CELEBRADAS O ANO 1996

GRAZAS A EL, EDICIÓNS DO CASTRO PUBLICOU NA SÚA SERIE “DOCUMENTOS” AS ACTAS DO CONGRESO CELEBRADO EN SAN JUAN

CURIOSAMENTE, NESTA MESMA DATA, EN 1936, MORREU EN COMPOSTELA O ESCRITOR RAMÓN MARIA DEL VALLE INCLÁN


O intelectual galeguista, pintor, ceramista e deseñador Isaac Díaz Pardo faleceu hoxe, aos 91 anos de idade no Hospital San Rafael da cidade da Coruña. Así da conta EL CORREO GALLEGO na súa edición dixital desta triste nova. Isaac Díaz Pardo nacera o 22 de agosto de 1920 en Santiago de Compostela e a súa educación estivo marcada polo contacto cos mais destacados intelectuais galeguistas. Cultivou, entre outras moitas actividades, como a editorial, o ensaio e a crítica, ademais de dedicarse á pintura e, sobre todo, a recuperación de Sargadelos. Este venres será enterrado no cimeterio compostelán de Boisaca.

Pola súa banda, LA VOZ DE GALICIA titula "Galicia de loito" e da conta deste xeito da triste nova que na véspera de Reis abre os informativos das radios e as televisións galegas: “Galicia perdeu hoxe a un dos intelectuais galeguistas da época actual. Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920) finou tras levar ingresado no hospital San Rafael de A Coruña dende o pasado 22 de decembro afectado por unha neumonía”. O xornal coruñés lembra tamén que Isaac “tivo unha educación marcada polo contacto cos máis importantes intelectuais galeguistas do momento, como Castelao ou Cabanillas, reunidos no obradoiro do seu pai, o pintor e escenógrafo Camilo Díaz Baliño. O seu compromiso con Galicia iníciase en 1936, cando participa activamente na campaña a favor do Estatuto de Autonomía”.

Debuxo do artista Antón Pulido


“O mellor exemplo dunha vida
dedicada a un compromiso
chamado Galicia”


O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, expresou hoxe o pesar do seu Goberno e de todos os galegos polo falecemento de Isaac Díaz Pardo. Feijóo amosou o seu recoñecemento ao impresionante legado do intelectual, e agradeceu o seu labor por facer unha Galicia “máis rica, máis culta e máis orgullosa de si mesma”.

O presidente da Xunta asegurou que Díaz Pardo é un espello “no que mirarnos todos os galegos” e salientou que se trata do “mellor exemplo dunha vida dedicada a un compromiso chamado Galicia”.

O titular do Goberno galego asegurou que o multifacético intelectual, pintor, ceramista, deseñador, editor e empresario construíu o seu legado pensando en Galicia, e resaltou que a Galicia de Díaz Pardo non se entende sen unha cultura galega, “unha cultura de nós, propia e única, que el mesmo se encargou de preservar, fornecer e reconstruír desde as dúas beiras do Atlántico”.

“A ese compromiso de Isaac Díaz Pardo pódeselle poñer un nome, o nome dun país: Galicia. Cando a Galicia coa que soñaba Don Isaac máis lonxe estivo de ser unha realidade, con máis folgos loitou por ela”, engadiu.

O presidente galego gabou a xenerosidade de Díaz Pardo ao formalizar o ano pasado a cesión do seus fondos bibliográficos e documentais á biblioteca da Cidade da Cultura. “Trátase dunha achega de incalculable valor para Galicia, unha achega cultural de incalculable valor para a sociedade galega en xeral e tamén para a Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura”, manifestou.
O presidente Alberto Núñez Feijóo coa viuva de Isaac Díaz Pardo


Isaac e Puerto Rico


        O intelectual galeguista nunca visitou Puerto Rico, pero mantiña unha fonda amizade na illa coa profesora mugardesa Matilde Albert Robatto, ex-directora do Instituto de Estudios Hispánicos da Universidade de Puerto Rico, recinto de Rio Piedras. É por iso que, informada por este medio, a doutora Albert recibiu hoxe como un mazazo a triste nova, ó tempo que salientou a xenerosidade do gran emprendedor da cultura galega, ó editar en 1997, na editorial que dirixía, Ediciós do Castro, as actas do Congreso sobre a emigración galega a Puerto Rico, celebrado en San Juan os dias 30 e 31 de xaneiro e 1 de febreiro de 1996.

Xosé-Luís Blanco, Matilde Albert Robatto e o doutor José Ramón
de la Torre, ex-presidente da Universidade de Puerto Rico


Algúns datos

Cos Reis de España, recibindo a Medalla das Belas Artes
(Santander, Cantabria, 2009)


Entre 1939 e 1942, Isaac Díaz Pardo estudou Belas Artes na Escola de San Fernando, en Madrid, participando nunha experiencia pioneira sobre deseño industrial. Tras rematar os seus estudos, pasou a ter unha plaza de profesor na Real Academia de Belas Artes de San Jorge de Barcelona. (…) Abandonou as artes plásticas para adicarse á cerámica e fundar con outros socios a fábrica de Cerámicas do Castro en Sada (onde o nomearían fillo predilecto), ensaiando con materias primas usadas nas primitivas cerámicas de Sargadelos e conseguindo cerámica de gran calidade. (…) En 1963, constituiu en Arxentina, xunto con outros destacados galeguistas, como Luis Seoane, o Laboratorio de Formas, precursor doutras actividades industriais e culturais como a restauración da producción de cerámica de Sargadelos”.

Prato de Sargadelos, a grande obra de Isaac Díaz Pardo


Autor de varios libros e editor de moitos mais desque fundou Ediciós do Castro, Díaz Pardo foi recoñecido con distincións tan importantes como o Premio Gallego del Año (1992), o Premio Santiago Rey Fernández-Latorre (1999), o Pedrón de Ouro (1976), a Medalla de Ouro e Fillo Predilecto da cidade de Santiago (1988), o Premio Otero Pedraio das Deputacións Provinciais (1990), Insigna de Ouro (1991), Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela (1992) e da Universidade da Coruña (2007), Premio Trasalba da Fundación Otero Pedraio (1993), a Vieira de Prata do Patronato da Cultura Galega de Montevideo (1995) e a Medalla de Ouro al Mérito nas Bellas Artes de España, entre otras (2009).

Xentes que ollan (1963), cadro de Isaac Díaz Pardo
(Museo de Belas Artes de A Coruña)



Grazas, mestre

No hay comentarios:

Publicar un comentario