viernes, 13 de enero de 2012

EXCELENTES INSTALACIÓNS EN SAN JUAN



FACER DEPORTE NO
PARQUE CENTRAL


DISPÓN DE PISCINA OLÍMPICA, CAMPOS PARA DEPORTES E 21 CANCHAS DE TENIS

NAS PISTAS DE ANDAR É NORMAL DAR CUNHA IGUANA TOMANDO O SOL



        San Juan de Puerto Rico posúe unhas magníficas instalacións deportivas no seu Parque Central, que conta con 21 canchas de tenis e 4 de racketball, asi como pistas de baloncesto, voleibol (volleyball) e balonmán (handball), parques de beisbol (baseball) e fútbol americano (football), pistas de atletismo de oito rúas, unha gran pista para andar, ou “joggin trail”, de cinco millas; pavillóns diversos, parque infantil, un maravilloso paseo sobre o mar que agora mesmo está pechado, esculturas, áreas de descanso e, ademáis, o chamado San Juan Natatorium, un magno complexo deportivo baixo teito creado para a práctica de eventos especiais e competicións internacionais de natación.


SAN JUAN NATATORIUM


        O San Juan Natatorium conta coas mais completas facilidades acuáticas baixo teito que hai en Puerto Rico. As súas piscinas dispoñen de temperatura controlada, con clima de verán todo o ano, e están preparadas para poder accoller as catro disciplinas da natación: cravado, natación sincronizada, natación e polo acuático, ou waterpolo.

O complexo dispón dunha piscina olímpica de 50 mts. convertible a 2x25mts. con 10 carrís de 5 mts. de ancho e bloques de saida; piso movible de 9’ a 0” para terapias de impedidos; piscina clavado con plataformas de 3, 7.5 e 10 m., mais trampolins homologados, e, para que non falte de nada, un gran ximnasio. A diario ofrecen varios programas deportivos, algúns tamén para os “envejecientes”, que é como se lle chama na Illa do Encanto ás persoas de idade.



PRESENZA GALEGA


        O Parque Central é o lugar preferido por varios membros da colectividade galega para facer deporte. Uns dedícanse a andar pola magnífica pista de terra batida que rodea as instalacións, e outros mesmo teñen sona como bos tenistas, como é o caso de Ignacio Pérez, o gran maitre de Mougás, Oia, que se pega unhas malleiras de moito rosmillo baixo o sol caribeño. Conta con moitos amigos, que se disputan a súa compaña para botar unhas partidas.



        Ignacio velou as súas primeiras armas como profesional da hostelería no Hotel Roma, de Ourense, ós dezasete anos. Logo estivo no Universal, de Vigo, ata que decidiu emigrar, primeiro a Inglaterra e logo ó Canadá, a Toronto, onde tivo un restaurante. Alí aprendeu a xogar ó tenis, ainda que mellorou moito en Puerto Rico, a onde se trasladou despois de coñecer á súa dona, a profesora Hilda Velez, que o converteu nun gran boricua. Como profesional, sempre gozou do maior respeto e consideración e todos lembran a súa clase e o seu señorio cando, durante tantos anos, atendia ó público no Restaurante Compostela.



        Polo que se refire ó grupo dos andadores, dos que utilizan a chamada “pista para trotar”, contan que, con moita frecuencia, ven cómo as iguanas se poñen a toma-lo sol á beira do camiño e hai que pasar xunto a elas sen facerlles caso. Ó principio, a cousa impón o seu, mais a todo se afai ún pouco a pouco. Tampoco fan dano. Quedan como aparvadas ollando para un. Eso sí, son moi feas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario