martes, 1 de mayo de 2012

O PAI DE MARIA JESÚS, DE JOSE, DE PEDRO…

Abaixo, á dereita, pódese ver a chamada Fábrica de Aguiar


“AGUIAR” NA LEMBRANZA


Fotografia mais recente onde se ve moi ben a Rampla de Aguiar


LEMBRO MOI BEN A FÁBRICA DO CAMPO DE INSUELA, ONDE TRABALLABAN ANDRÉS, FILLO DO SEÑOR PANCHO, E PUCHO DA PARADA, QUE FOI O NOSO MELLOR TAMBORILEIRO

TAMPOUCO ESQUECEMOS OS PIOS CHEOS DE SARDIÑA E O FORTE ARRECENDO DO PEIXE SAIDO DOS COCEDORES, QUE EMPACABAN EN LATAS GRANDES COA MARCA “SOLITA”

¡CANTAS VECES TEMOS EMBARCADO NUNHA GAMELA NA RAMPLA DE AGUIAR PARA IR A BORDEAR! HABIA QUE TER COIDADO CO LIMO PARA NON ESVARAR E LEVAR UN SUSTO

Así era a nosa praia cando Aguiar facia conserva en Camariñas
       

Xa sabemos que non, que non se chamaba Aguiar, pois, cando xogaba ó dominó no Casino, naquela mesa que estaba á man dereita, entrando, a carón da ventá, os homes dicíanlle Pepe, mais a xente coñecíao por ese apelido, que era un dos que aparecían nas latas de conserva -Bouza, Aguiar y Cía- que el envasaba na súa fábrica do entón chamado campo de Insuela e despois barrio de Corea, cando se fixeron as vivendas sociais, parece ser que por mor dalgunhas pequenas liortas que houbo alí nos días da guerra entre coreanos, os do norte e os do sul, que comezara a principios dos cincuenta.

A primeira nova do seu pasamento chegounos a través do poeta Antonio Puertas Lema, que lle envia o seu pésame a familia co poema que incluímos despois destas letras. Logo vímola confirmada en www.camarinas.eu, onde se informa que Don José Teijeiro Pardo, que asi se chamaba o empresario conserveiro, faleceu ós noventa anos de idade nunha residencia de León, cidade onde vive unha das súas fillas, así como o seu neto Pedro. En principio, á espera da confirmación da familia, ía ser velado no tanatorio de Vimianzo e despedido cun funeral na igrexa parroquial.

 Como ben apunta o redactor do citado medio local, a conserveira da que fora máximo responsable Don José Teijeiro “sempre destacou pola calidade indiscutible do seus productos, elaborados de forma artesanal, seguindo os vellos cánones e tradicións da salazón”. Seino moi ben porque fun e son amigo do seu fillo Jose, co que me presentei ás probas de ingreso no Instituto da Coruña e merendamos moitas veces o peixe recén saido dos cocedores, que era un auténtico manxar. Ademáis, miña nai traballou nesta fábrica e sempre nos falou maravillas dela e da bonhomía de Pepe de Aguiar, como tamén se lle chamaba. Precisamente por eso, os seus fillos tamén levaron sempre de complemento tamén o Aguiar: Maria Jesus de Aguiar, Jose de Aguiar, Pedro de Aguiar...

Polo demáis, facemos nosas as palabras que o medio dixital camariñán lle adicou ó empresario: “Persoa de bo corazón, xenerosa e desprendida, moi querida, era Aguiar un deses camariñáns de adopción que co paso do tempo acaban por amar a Camariñas dun xeito cáseque máis absoluto que os propios naturais do lugar”.

Este era o Casino de Camariñas, que quedaba preto da Fábrica


SEÑORA MARTA, A GENEROSA…

Porque, efectivamente, o señor Teijeiro viñera de Cariño, como a danza de arcos, pero soubo quererlle a Camariñas como un camariñán mais. E así llo transmitiu ós seus fillos, todos grandes camariñáns, ós que acompañamos no sentimento nestes momentos tan duros.

Igual queremos facer cos familiares da Señora Marta e da Señora Generosa, que imos tardar en esquecer, e de cantos nos deixaron nas últimas semanas. Sucede que, ainda que esta páxina non se fai eco habitualmente destas tristes novas, o feito de que se nos estean indo persoas que traballaron tanto por Camariñas e en momentos tan difíciles, móvenos a adicarlle esta pequena homenaxe de gratitude e consideración, así como a unha lembranza garimosa e solidaria con tódolos familiares dos camariñáns finados.


No centro da fotografia pode verse ben a Rampla de Aguiar



A RAMPLA D´AGUIAR

(Á memoria de D. José Teijeiro Pardo, “Aguiar”)


Naquela rampliña, medio tollida,
que, nin co devalo do mar, se vía,
as sardiñas nas tinallas brincaban,
cos aires das mozas, ó abri-lo día.

Abalando cara o mar mariñeira,
rastrexaba o peixe  que escorría;
i a onda randeeira baleiraba
limpando na escama que relucía.

Por aquela rampla a onde ía a Mantida,
co andar lixeiro dende a súa casiña,
baixaba antano este neno da vila
a pescar queimonas abondo e axiña.

Os mozos cantaban ó abri-lo día,
i o espello da auga ó sol relucía,
i a gaivota rapinaba a sardiña,
i a lancha do xeito en peixe afundía.

Era ó xantar, fresquío da Vila,
co peixe que daba a xente a quería,
sobranceira,… i, ¡ tanta “jameliña” !
apazugada, agardando na fila.

¡Hai! asoballada, amada veciña,
cara ao mar, reverente te inclinas,
desgaxada en vaivén de caroliñas
  abrente arrolado nas cunchas finas.

Agarda por min, miúda xoíña,
a que retorne xunto a ti algún día,
cos tempos de antes bulidos da vida,
…con alumiños, volver, volvería.

Antonio Puertas


No Packard do señor Pombo podíamos viaxar daquela ata Vimianzo

No hay comentarios:

Publicar un comentario