martes, 26 de julio de 2011

FESTAS DO APÓSTOLO 2011

HOXE, DIA DO TRAXE GALEGO


O programa das Festas do Apóstolo, que está a celebrar a capital de Galicia, dedica a xornada de hoxe ó Enxalzamento do Traxe Galego. Trátase de algo que se ven facendo desde hai trinta e tres anos e que enche Compostela de colorido e galeguidade, pois ao longo do día realizaránse desfiles en distintos puntos da cidade, rematando os actos ás oito da tarde coa exhibición de traxes e a entrega de premios na Quintana.

Rita Maria Miramontes e Adrián Varela presentaron o Dia do Traxe

O concelleiro Adrián Varela e a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Rita María Miramontes, presentaron as actividades do XXXIII Día do Enxalzamento do Traxe Galego, que desta volta vai repartir 3.600 euros en premios.
As actividades comezarán ás 11:30 horas coa concentración dos participantes na Alameda. O desfile sairá ás 12:15 horas. Logo da Misa na Catedral e a ofrenda ao Apóstolo, a delegación será recibida no Concello pola Corporación municipal no Pazo de Raxoi. Xa pola tarde, celebrarase o certame de traxes en San Domingos de Bonaval, onde os traxes dos participantes serán avaliados polo xurado e fotografados no claustro do Museo do Pobo Galego.

O alcalde, Xerardo Conde Roa, xa predicou onte co seu exemplo

Ás 19:30 horas, partirá dende Bonaval o desfile, no que participarán tanto os concursantes como os membros da Asociación do Traxe Galego e outros convidados atraviados co traxe tradicional. E aproximadamente ás 20:00 horas, celebrarase a exhibición de traxes e a entrega de premios na propia Quintana. Nesta ocasión haberá galardóns de 500 euros para os mellores traxes antigos completos, tanto na categoría masculina como na feminina. No caso do traxe de cotío, os dous premios serán de 300 euros. Na categoría de traxe moderno, entregarase un primeiro e un segundo premio de 350 e 250 euros, respectivamente, tanto en homes como en mulleres.
Os nenos e nenas que vistan os mellores traxes tamén recibirán agasallos conmemorativos. Finalmente, haberá un premio especial de 600 euros para o mellor grupo de máis de 10 persoas e outro de 200 euros á mellor peza ou conxunto de pezas antigas que non compoñan un traxe completo. Os actos rematarán coa interpretación do Himno Galego.


DÍA DO TRAXE GALEGO
    PROGRAMA

1.     DESFILE

Concentración na Alameda as 11.30 horas. A saída do Desfile terá lugar as 12.15 da mañá no Paseo Central da Alameda.

Percorrido: Porta Faxeira, Toural, Rúa do Vilar, Praterías e baixará ata o Obradoiro para entrar na catedral en ringleiras.

2.     MISA SOLEMNE E OFRENDA

Terá lugar as 13.15 horas na Catedral. 

3.     RECEPCIÓN DE HONRA NO CONCELLO

O remate da misa e ofrenda, arredor das 13.45, a Corporación Municipal ofrecerálle unha Recepción de Honra ós participantes na xornada, coa que rematan os actos da mañá.


4.     CERTAME DE TRAXES

Pola tarde, a partir das 16.00 horas, as actividades comezan co exame dos participantes no Certame do Traxe en San Domingos de Bonaval. Non se admitirán participantes a partires das 16.30 horas.

1.     Os concursantes serán avaliados por rigoroso orde de chegada. En canto se presenten e acrediten en Bonaval adxudicaráselles un número que determinará a orde de entrada na sala do Xurado e que deberán conservar durante toda a tarde, xa que será utilizado para dispoñelos na formación do desfile posterior e para seren chamados a pasarela na Quintana.
2.     En canto teñan número pasarán o interior do Museo e poderán utilizar unha sala habilitada para a espera da súa quenda.
3.     Os concursantes deberán pasar sen acompañantes a sala de exame do Xurado.
4.     En canto sexan examinados pasarán por orde numérica á sesión fotográfica no claustro do Museo do Pobo.


5.     DESFILE DESDE BONAVAL Á QUINTANA

Comezará as 19.30 horas desde as portas do Museo do Pobo Galego.

1.     O desfile, no que participarán tanto os concursantes como os membros da Asociación e outros convidados ataviados con Traxe Tradicional, organizaráse do seguinte xeito:
·        Abre un grupo musical de acompañamento
·        Seguen os nenos e nenas non participantes no concurso en dobre fila.
·        A continuación, os adultos non participantes no concurso por parellas.
·        Un primeiro grupo de gaiteiros
·        Os nenos e nenas participantes no concurso infantil en parellas por rigoroso número de orde que lles fora adxudicado.
·        Os adultos participantes no concurso en parellas por rigoroso número de orde que lles fora adxudicado.
·        Un segundo grupo de gaiteiros para cerre do desfile.
  
2.     O percorrido baixará a Rúa de Bonaval, cruza a Casas Reais, Cervantes, segue polo Preguntoiro, Conga, Rúa Nova, Rúa de Vilar, Praterías, Conga  e entrará na Quintana pola rampa entre San Paio e a casa da Conga.


6. EXHIBICIÓN DE TRAXES NA QUINTANA

Aproximadamente as 8 da tarde terá lugar a exhibición de traxes e a entrega de premios do certame na Quintana.

1.     Os presentadores introducirán o acto e presentarán a tódolos participantes no certame, que irán desfilando a medida que sexan chamados por orde de chegada (por número). En cada pase describirán os traxes.
      O baixar da Pasarela tras o desfile inicial quedarán agrupados no lugar indicado, agardando seren chamados de novo, se fosen premiados, para a entrega de galardóns.
2.     Os presentadores darán lectura da Acta do Xurado do Certame e irán chamando os premiados/as e ás autoridades, que procederán á entrega de premios.
3.  A celebración rematará co Himno Galego.


No hay comentarios:

Publicar un comentario