lunes, 15 de agosto de 2011

Loito no xornalismo galego

A XORNALISTA MARIÑA FOLGUEIRA
FINOU ONTE NA CAPITAL DE GALICIA


HAI TAN SÓ UN ANO PASOU UNS
DIAS MOI FELICES EN PUERTO RICO



O diario EL CORREO GALLEGO publica hoxe a triste nova do pasamento da xornalista Mariña Folgueira Portela, que foi redactora de Radio Nacional de España en A Coruña e xefa de prensa do Parlamento de Galicia en Santiago de Compostela. A dor que senten nestes intres os seus familiares e amigos, sobre todo o seu compañeiro de toda a vida, o profesor Xosé López Garcia, chega deste xeito a Puerto Rico, pois foi nesta illa onde a benquerida compañeira pasou, seguramente, as súas últimas vacacións, que foron moi felices, por certo, como puidemos comprobar.

        Pouco despois de voltar á Santiago, á Mariña detectáronlle o mal que lle custou, finalmente, a vida. Algo increíble para os que tivemos o pracer de departir con ela aqueles días agora inesquencibles. O tempo que pasou na illa caribeña dedicouno a ir á praia –era inverno en Galicia, non se esquezan- e tamén, da man dalgún improvisado guía local, compañeiro seu de oficio e amor ó país, á descuberta dalgúns detalles do ronsel que foron deixando en Borinquen os nosos devanceiros emigrantes. Encantoulle, por exemplo, probar o caldo galego puertorriqueño. E saber que podía beber auga de Mondariz ou degustar pan feito en Lugo.

        Mariña estivera na Illa do Encanto aproveitando a circunstancia de que o seu home, Xosé López Garcia, catedrático de Periodismo, vicepresidente do Consello da Cultura Galega e exdecano da Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago, viñera a dar unhas conferencias, invitado pola Escola de Comunicación da Universidade de Puerto Rico, no Recinto de Rio Piedras. Unha entrevista que se lle fixera naqueles días ó profesor López en EL CORREO GALLEGO remataba, precisamente, cunha alusión á súa dona. “Parece claro –dicía- que para poder desarrollar tanta actividad ha sido vital, seguro, la comprensión y el aliento de su esposa, Mariña Folgueira, jefa de prensa del Parlamento de Galicia”.
 Mariña Folgueira foi xefa de prensa do Parlamento de Galicia

        Hoxe, o xornal da capital de Galicia ofrece así a nova:

Faleceu a periodista Mariña Folgueira

Desenvolveu a súa carreira no Parlamento de Galicia
Mañá, acto cívico na Pastoriza

DANIEL ALEXANDRE - SANTIAGO
A xornalista Mariña Folgueira Portela finou onte en Santiago, logo dunha valente e longa batalla contra a enfermidade. Nacida hai 57 anos en Santiago de Reigosa, no concello lugués da Pastoriza, Mariña Folgueira era periodista do Parlamento de Galicia, institución da que foi xefa de prensa e na que desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional, que comezou nos anos oitenta do século pasado nos estudos de Radio Nacional de España na Coruña.
Polo tanatorio de Boisaca pasaron onte amigos e compañeiros seus e do seu compañeiro, Xosé López García, catedrático da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e secretario do Consello da Cultura Galega, entre eles Tomás Pérez Vidal, expresidente do Parlamento; Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Francisco Campos, exdirector xeral da CRTVG; Susana Cerqueiro, directora médica do hospital do Salnés; Xosé Pereira, decano de Ciencias da Comunicación; Lois Celeiro, xefe de prensa da USC; Pedro Puy, portavoz parlamentario del PP; Xosé María Palmeiro, de la Fundación Torrente Ballester, e a ex concelleira compostelá, Encarna Otero.
Mañá, ás 16.30 horas, celebrarase un acto cívico no cemiterio parroquial de Santiago de Reigosa, na Pastoriza.

O profesor Xosé López, no aeroporto de San Juan de Puerto Rico

Ademáis, nas súas páxinas de opinión, EL CORREO GALLEGO publica na súa edición de hoxe, luns, un fermoso artigo de Caetano Díaz, director de GALICIA HOXE.

Caetano Díaz

(IN MEMORIAM)

Integridade insubornable

Penso agora, abrumado pola súa perda, que ela foi o invisible fío condutor dos soños dunha xeración de xornalistas mozos, naqueles anos nos que axudabamos a construír a Galicia autonómica coas ferramentas do traballo solidario, da (bendita) inocencia e do amor polos sinais de identidade do noso país. Deixounos Mariña coas primeiras luces dun domingo cinsento, mentres o ceo choraba unha choiva mansa sobre Compostela. Quédannos en herdanza a súa mirada limpa, a súa franqueza bondadosa, a súa insubornable integridade, o seu corazón xeneroso, o seu sorriso luminoso, o seu sentido do humor cáustico e intelixente. Quixo ser xornalista a pé de rúa, atenta ao latexar da xente para contar dende os micrófonos de Radio Nacional de España as miserias e as grandezas desta nosa terra, pero as cousas da vida levárona a dedicar os mellores anos da súa vida ao Parlamento de Galicia, do que chegou a ser xefa de prensa. Sei ben que Paco Campos, Xosé Ramón Pousa, Leoncio González, David Cheda e Lois Celeiro –por citar só uns poucos xornalistas daquela xeración da que ela foi musa, á súa maneira tan honesta e contida–, senten hoxe o peso desta orfandade melancólica. E sei que Xosé López, o seu compañeiro de vida, o noso Morgan, sofre horas interminables de dolorosa escuridade, porque Mariña era moita Mariña e deixa un baleiro imposible de encher. Aló onde a viaxe eterna a leve, que saiba que a súa lembranza de galega boa e xenerosa, sen dobreces, vivirá nos nosos corazóns e alumará o noso compromiso co país ao que ela lle entregou o mellor de si. Sempre. E máis aló.

(EL CORREO GALLEGO, 15.08.2011)


No hay comentarios:

Publicar un comentario