sábado, 24 de septiembre de 2011

1º ANIVERSARIO DO PASAMENTO DE ANA KIRO

ANA NA LEMBRANZA


* Hoxe, sábado, 24 de setembro, cúmprese un ano do falecemento de Ana Kiro, a raíña da canción galega, tan querida no fogar de Breogán e tamén no mundo da emigración.

* Recollemos as palabras que pronunciou o xornalista Xosé-Luís Blanco Campaña na homenaxe que lle tributou en Vedra, o 12 de agosto de 2010, a Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya.

* Foi a derradeira homenaxe que recibiu a cantante. Seis semanas despois falecía no seu fogar de Mera-Oleiros, onde quixo vivir cando regresou da emigración.

* Varias das fotografías, a maioría delas inéditas, corresponden tamén a  aquela xornada, co que ben se pode dicir que son as derradeiras que se lle fixeron a creadora de “Galicia, terra meiga”.

* Un ano despois do seu adeus, a artista segue viva entre o seu público. Ninguén poderá cubrir endexamáis o valeiro deixado pola intérprete da Castañeda.

Xosé-Luís Blanco, o alcalde Odón Cobas, Luis Lamas, a cantante
Sabela e dirixentes das sociedades galegas de Catalunya


        Respondendo á amable invitación do Presidente da Federación de Entidades Galegas de Catalunya, Don Luis Lamas, acepto con gusto a honra de ofrece-la homenaxe e quero empezar dando as grazas: as grazas a todos por estar aquí e, sobre todo, a ti, Ana, que eres a mais grande das cantoras de Galicia. Grazas por aceptar esta mostra pública de agarimo e consideración nun momento difícil para ti, que vas superar coa axuda do Noso Señor Santiago, ó que onte lle rezamos na súa catedral. Porque os teus problemas son tamén os problemas dos que che queremos e apreciamos como artista e como muller.

        Hoxe, en todo caso, non queremos homenaxear tan só á grande artista e muller que eres, senón á emigrante que fuches e dalgún xeito segues sendo, pois esas vivencias tan fondas sempre terán un lugar no corazón para os que vivimos ou temos vivido lonxe da Terra.

        Tiñas tan só meses cando teus pais se trasladaron a Cataluña. Daquela, os teus pais non podían maxinar que un día ías ter tanto éxito que incluso cambiarias de nome. Porque cando saiches da aldea nos brazos de túa nai chamábaste Maria Dolores, que é o nome co que te bautizaron e que figura no teu DNI.

        Será mellor que faga de periodista, que é o que son, ou ese é o título que me deron na Universidade de Barcelona. Os datos son importantes para poder coñecer mellor a auténtica dimensión da nosa homenaxeada.


 A derradeira condecoración coas cores da bandeira de Galicia

Maria Dolores Casanova González, a mais popular cantante de música lixeira de Galicia, artísticamente chamada Ana Kiro, naceu na Castañeda, Arzúa, un 24 de Xaneiro. Filla de garda civil, tiña nove meses cando pasou a residir en Pineda de Mar, na Costa Brava catalana; viviu en Cedeira entre os nove e os catorce anos, e logo volveu outra vez a Cataluña para asentarse na súa capital, Barcelona, onde principiaría a súa vida artística e comenzaría a cantar en galego.

Tiña vintetrés anos cando empezou a cantar profesionalmente co nome de Ana Maria Quiroga. Este primeiro nome artístico daría paso en 1967 ó actual, sobre todo pola influencia do señor Oyamburu, de RNE en Barcelona, pai da actriz cinematográfica Sonia Bruno, casada despois co futbolista Pirri, que convenceu á nosa artista de que o seu non era nome axeitado para unha cantante moderna, polo que Ana Maria quedou en Ana e o apelido Quiroga quedou reducido a Kiro.

Lóxicamente, lograr introducirse no mundo musical non foi, precisamente, coser e cantar. En declaracións ó poeta galego de Barcelona Manuel Oreste Rodríguez López para "El Ideal Gallego", a cantante lembroulle que, de mociña, deixou o bacharelato, estivo nunha fábrica textil, foi aprendiza nunha pastelería e dependenta nunha "boutique"... ata que conseguiu grava-lo seu primeiro disco coa casa Belter, que tiña os estudos alá pola Vall d’Hebrón. Era o ano 1966. Lonxe estaba a nosa artista de poder maxinar que, non moito despois, ía xuntar vinteduas mil persoas nada menos que na outra banda do mar, no Centro Lucense de Buenos Aires. Ou que ía ser recibida con tódolos honores no Centro Galego de México, no Centro Español de Caracas e na maioría das sociedades alentadas polas comunidades galegas de Europa e América, que visitaría en varias ocasións.

O alcalde de Vedra, Odón Cobas, tamén tivo un detalle para artista

Pero alí, en Barcelona, como nos sucedeu a tantos de nós, empezou todo para ela. E como era o tempo dos festivais e dos programas musicais de televisión, cantou con éxito na maioría deles e levou unha chea de galardóns: primeiro premio en “Canciones del Mar”, de TVE, en 1968; premio á simpatía no Festival da Illa de Malta, representando a España; terceiro premio, con “Dime, torito”, do II Festival da Canción de Fortuna; revelación no Festival da Canción Menorquina; terceiro lugar no Festival da Canción do Atlàntico, celebrado en Tenerife; terceiro tamén no Festival de Málaga... A lista de festivais da canción, que inclue o de Benidorn, é longa. E cos programas de televisión sucede outro tanto: “Amigos del Lunes”, “Galas del Sábado”, “Estudio Abierto”, “Directísimo”, “Gente Joven”...

Todo esto quere dicir unha cousa: cando Ana empeza a cantar en galego xa é unha artista consolidada.

O seu pobo de Arzúa tamén lle ofreceu unha grande homenaxe

Por eso ten tanto mérito que dera o paso de cantar no idioma propio da súa Terra. Unha Terra que a recoñeceu como a mais grande, empezando polo seu concello natal, o de Arzúa, que a nomeou Filla Predilecta. Os recoñecementos chegaronlle de todas partes, tamén da Galicia Exterior, como non podía ser menos. Porque desde o primeiro momento quedou convertida na voz dos emigrantes, que fomos os que a fixemos grande.

Co mestre Manuel Muñiz, que lle escribiu "Galicia, terra meiga"

Ana grava o seu primeiro disco galego en 1974, cando xa era unha artista considerada do selo Belter, o máis popular do momento, que contaba con voces de moito éxito, como Manolo Escobar, Juanito Valderrama, Salomé ou Los Tres Sudamericanos.

Aquel disco levaba na cara A unha canción que tería que cantar toda a vida: “Galicia, terra meiga”. Lembren a letra e fíxense cómo a que cantaba era unha emigrante. Dicía:

Quéroche cantar, Galicia,
desde a beiriña do mar,
as penas que levo dentro,
que por ti me fan chorar.

Miña terra queridiña,
non te podo “olvidar”.
Galicia, Terra meiga,
miña casa, meu lar.
Ana mercara o seu primeiro coche en 1968 e a punto estivera de ir a Eurovisión. Porque participara nun Prefestival defendendo a canción Vivo cantando, que logo levaria o primeiro premio a cantante Salomé.

Pero a canción “Galicia, terra meiga” cambiaría para sempre a súa vida, a artística e a persoal. A artística, porque foi tal o seu éxito que xa nunca mais deixou de grabar en galego e foi a artista que mais discos gravo una historia de Galicia. E con diferencia, con moita diferencia. E cambiou a súa vida persoal porque mesmo decidiu voltar á Terra nai e afincarse aquí para sempre.

Non hai moito, o primeiro de xullo de 1996, a Televisión de Galicia ofrecía un programa especial sobre Ana, presentado polo meu amigo Alberte Avendaño, que hoxe triunfa en Washington dirixindo o semanario El Tiempo Latino, do grupo Washington Post. Aquel programa, feito no Pazo de Congresos da Coruña, superou entón tódalas barreiras da audiencia dos luns na televisión autonómica. Algúns decatáronse dunha vez que Ana era moita Ana. Porque, pouco despois, volvían a emitir o programa e ainda acadaba máis éxito. Aquelo fixo que aquel mesmo ano a artista pasase a presenta-lo seu propio programa semanal na TVG, titulado “Toda unha vida”.

E xa é sabido: O seu éxito como presentadora, refrendado logo nas súas “Tardes con Ana”, foi parello ó que acadara como cantante. Por se non fose abondo, logo protagonizaría telenovelas e tamén como actriz volvería a triunfar, o que a convertia nunha artista completa, a mais completa, sen dúbida, da súa Terra, perfectamente homologable ás figuras nacionais doutros paises.


Con Carlos, Pilar e Xosé-Luís Blanco en Vedra

Quedan moitos datos sobre a nosa artista, que en Galicia non só atopou o éxito no mundo da canción e da televisión, senón o máis íntimo, que foi o de atopar o home da súa vida, Carlos Rivero, co que casou na parroquia de Mera, ó pe da Marola, onde teñen o seu fogar. Carlos é un home providencial na súa vida e desde o primeiro momento, desde o 22 de agosto de 1983, que é cando casou, soubo estar no seu lugar, coidando con agarimo da nosa artista, o que moito lle agradecemos todos.

Grazas tamén á súa filla, pola que Ana sempre se desviviu. Grazas ós seus netos, ós que adora. E grazas, en fin, a cantos coidan de que á nosa artista non lle falte de nada. Ese é o desexo dos que un dia fomos emigrantes coma ela en Cataluña, dos que o seguimos sendo, e dos que, en suma, temos soñado, témonos emocionado e sempre nos temos sentido orgullosos da nosa condición de galegos grazas ás súas cancións.


Carlos, a súa neta, a súa filla Mari Carme e o alcalde de Oleiros,
Angel Garcia Seoane, na inauguración da Praza de Ana Kiro

Un dos seus discos levou por título “Unha emigrante mais”. Eso é o que ela foi e o que nos somos. Por eso conectamos tan ben. Por eso, hoxe, aquí en Vedra, ás portas da capital da nosa Terra, facemos votos pola recuperación da nosa artísta e, no nome da Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña, dámoslle as grazas pola súa entrega ó mundo da emigración.

Dicímosllo en galego, que é a súa lingua. Repetímosllo en castelán, que tamén é a súa e ten cantado moi ben no noso idioma grande. E volvemos a dicirllo en catalán, idioma que ella parla molt bé fa molts anys, com parlem molts de nosaltres la llengua propia de Catalunya.

Remato, señoras e señores. Acabo, Ana.

Como dicías nunha das túas cancións, Deus che pague, churrusqueira, canto levas feito como artista polos galegos emigrados. Eles, desde logo –é dicir, nós- nunca o esqueceremos. Quixeches ser nosa e nosa serás para sempre. Que Deus che dea toda a saude que che desexamos. Porque a tes ben merecida. Todos estamos contigo e os emigrantes os primeiros. Dixen.

Houbo moitas emocións e moitos aplausos


As autoridades cos organizadores da homenaxe a Ana

No hay comentarios:

Publicar un comentario