miércoles, 14 de septiembre de 2011

MALOS PRESAXIOS PARA O MUNDO DO LIBRO


HOXE PECHA BORDERS
A GRAN LIBRERÍA DE SAN JUAN


O peche dunha librería sempre é unha moi triste e mala noticia
A cadea americana tivo que acollerse á situación de quebra
Borders desempeñou un papel relevante na difusión cultural


Borders, a gran librería que ocupaba dúas plantas do impresionante complexo comercial Plaza Las Américas, nas que se podían mercar as últimas novidades editoriais en español e inglés, así como discos, películas e outro material, ó tempo que se podía tomar un café no segundo andar, pechará hoxe definitivamente o seu local deste gran centro de ventas puertorriqueño, concluíndo tamén deste xeito a fase de liquidación de toda a súa mercadoría, que viña levando a cabo nos últimos días con descontos de ata o noventa por cento. Segundo puidemos comprobar onte, os libros e discos que quedaban nos estantes eran moi escasos.


        Onte pechou a primeira tenda Borders en Míchigan e hoxe faráo a de San Juan. A moitas outras iralles chegando a hora nos próximos días, logo de que a cadea fora á quebra.

A cadea de librerías Borders convértese deste xeito na primeira gran peza que se cobra o novo mundo das ventas por Internet, que xa levou por diante os megastores de distribución de música. Son malos presaxios para o mundo do libro, certamente. Segundo os expertos, o enorme incremento da venta de exemplares na rede e a conseguinte propagación dos libros electrónicos contribuiu de maneira esencial á suspensión de pagamentos da cadea Borders, que desempeñou un papel relevante na venta de libros e na difusión da cultura nos Estados Unidos de América.

A cadea de librerías Borders Group fixo públicos os seus problemas en febreiro deste ano, que foi cando anunciou tamén que solicitara do Tribunal de Quebras dos Estados Unidos poder acollerse ó artigo 11 do Código de Bancarrota. Ó abeiro da situación de quebra legal, a compañía tratará de facer o último esforzó, ainda que o plan supón o peche dunha terceira parte dos seus 674 locais en todo o país e o despido de boa parte dos seus case vinte mil traballadores.

No hay comentarios:

Publicar un comentario