Galicia e Panamá
estreitan relacións
Os presidentes de Panamá e Galicia co Embaixador de España
· Os Presidentes Feijóo e Martinelli poñen en común os vínculos históricos e de intereses comerciais entre Galicia e Panamá e a posibilidade de estreitar relacións económicas nos ámbitos das infraestruturas, das enerxías e da loxística.
· O presidente do Goberno galego visitou tamén a Sociedade Española de Beneficencia, onde se reuniu coa colectividade galega. Alí avogou por aproveitar o talento das novas xeracións de emigrantes que son hoxe en día grandes emprendedores e emprededoras en diversos sectores económicos.
Reunión de traballo das delegacións panameña e galega
Na xuntanza que mantiveron, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da República de Panamá, Ricardo Martinelli, puxeron en común os vínculos históricos e de intereses comerciais entre Panamá e Galicia e a posibilidade de estreitar relacións económicas en tres ámbitos: infraestruturas, enerxías e loxística.
Feijóo agradeceu a Ricardo Martinelli este encontro, así como os mantidos cos ministros de Obras Públicas e de Vivenda e Ordenación do Territorio. “Acabamos de manter unha entrevista –explicou- co presidente da República de Panamá, onde puxemos en común os vínculos entre Panamá e Galicia. Vínculos históricos, porque hai máis de 3.000 galegos residindo en Panamá desde hai moito tempo; fai 100 anos que os galegos estaban axudando a construír o primeiro canal. E vínculos de intereses comerciais como consecuencia da ampliación do canal, neste momento, en plena execución e que finalizará en 2014”.
O responsable do Goberno galego salientou a posibilidade, tamén, de estreitar relacións económicas co país panameño en varios ámbitos. E, neste sentido, referiuse, nun primeiro termo, ás infraestruturas, ás obras públicas: “Panamá –dixo- é un país emerxente, que está facendo grandes infraestruturas viarias e portuarias. Neste momento é unha das grandes economías de Hispanoamérica. Está crecendo por riba do 10%, ten practicamente pleno emprego e un déficit público de 1 - 1,5 puntos, totalmente controlado”.
Así mesmo, incidiu nas posibilidades económicas no ámbito das enerxías, “no ámbito eólico”, e no ámbito da loxística “entre os portos galegos e as posibilidades que dá o Canal de Panamá”.
Con anterioridade, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou a Sociedade Española de Beneficiencia, onde se reuniu coa colectividade galega. Alí avogou por aproveitar o talento das novas xeracións de emigrantes que son hoxe en día grandes emprendedores e emprendedoras en diversos sectores económicos. Ademais, instou a que Galicia, pola situación xeográfica como “porta de entrada de América en Europa e antesala de Europa en América”, lle dea un novo pulo ás relacións entre as comunidades españolas e o outro lado do Atlántico.
Encontro con empresarios na Embaixada de España
Co administrador
do Canal de Panamá
O Presidente Feijóo no Canal de Panamá
· O Presidente Núñez Feijóo avoga por coordinar o ancheamento do Canal coa especialización dos portos galegos, para que Galicia se converta na conexión entre a Europa do norte e a mediterránea.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avoga por coordinar o ancheamento do Canal de Panamá, actualmente en marcha, coa especialización dos portos galegos de interese xeral, co obxectivo de que Galicia se converta na “conexión entre a Europa do norte e a mediterránea”. Así o sinalou o titular do Goberno galego durante a súa viaxe a Panamá, antes de reunirse co administrador do Canal, Alberto Alemán. “Vaise duplicar esa vía de acceso entre o océano Atlántico e o mar Caribe e o océano Pacífico e, polo tanto, hai unha oportunidade histórica que temos que aproveitar”, sinalou.
“Imos tentar que, do xeito que este Canal é a conexión entre o océano Atlántico e o océano Pacífico, Galicia sexa tamén a conexión entre a Europa do norte e a Europa mediterránea”, insistiu Feijóo, quen manifestou que se trata dunha oportunidade “enorme”, “de loxística, de negocios, de mercadorías e de intercambios coas autoridades do Canal e, posteriormente, co presidente da República Panameña e o seu ministro de Obras Públicas”.
Feijóo avanzou, neste sentido, a súa intención de trasladar ás autoridades do Canal o compromiso de Galicia de “estar atentos” a uns traballos que finalizan no ano 2014 e que duplicarán a capacidade dunha infraestrutura que actualmente capta entre o 5 e o 6% do tráfico total de mercadorías do mundo e entre 13.000 e 14.000 barcos.
“O sistema portuario galego, os portos de interese xeral, Ferrol, A Coruña, Vigo, Marín e Vilagarcía, teñen que traballar con esta nova realidade”, salientou o titular da Xunta, quen remarcou que actualmente hai en execución 1.000 millóns de euros na ampliación e mellora dos portos galegos. “Imos, espero que nas próximas semanas, concretar a especialización do porto de Ferrol nun porto de contedores; que o Porto Exterior da Coruña se converta nun gran porto de graneis sólidos e líquidos”, destacou o presidente da Xunta lembrando que os portos de Vigo, Marín e Vilagarcía están ampliando o seu calado e superficie.
No hay comentarios:
Publicar un comentario