domingo, 18 de septiembre de 2011

REMEXENDO NOS NOSOS ARQUIVOS


MÚSICA CUBANA
DEDICADA A GALICIA


“Mambo in Coruña”

Al Castellanos y su Orquesta Cubana

O músico cubano Al Castellanos


O cubano Al Castellanos foi un artista moi precoz, se temos en conta que, con nove anos, xa o atopamos tocando o clarinete na orquestra do seu pai, preto de Santiago de Cuba. Ainda que sempre quixo tocar a trompeta, sucedeu que o instrumento que faltaba na formación era o clarinete, polo que non desaproveitou a ocasión, Dado o seu talento para a música, non tardou en face-lo falar.

Só tiña dezasete anos cando viaxou a Paris para incorporarse á orquestra do seu irmán maior, quen chegaria a mercar o club onde tocaba. Esta circunstancia permitiulle ó xove músico facerse coa dirección da orquestra, en tanto o seu irmán atendía os asuntos do negocio.


Mais Castellanos era unha alma inqueda e, como levaba os ritmos cubanos no sangue, non tardou en experimentar outra faceta artística para a que tiña tamén grandes cualidades: o baile. Al foi un bailarín de éxito, ó que se lle abriron as portas dos mais sinalados night clubs da época, como La Conga Night Club de Nova York, o famoso Tropicana de La Habana, ou a principal sala de Prince George en Nassau, Bahamas.

No ano 1945 reorganizou a súa banda, coa que volveu a interpretar ritmos como o chachachá e o mambo, do que foi un dos seus mais destacados intérpretes e tamén compositores. Porque da súa autoría é un mambo tan coñecido como “Speak up mambo”, coñecido en español como “Cuentame qué te paso”, que popularizou nos anos setenta o grupo norteamericano The Manhattan Transfer. Al Castellanos foi daquela unha das grandes atraccións dos mellores clubs nocturnos de Nova York.


Entre os seus éxitos figuran Speak up mambo (Cuéntame qué te pasó), Chachachá at the Sahara, Chachachá en el harem, Chachachá matrimonial, Salta Perico… e Mambo in Coruña.

Nas distintas etapas, o músico oriental presentouse como AL CASTELLANOS Y SU ORQUESTA CUBANA, ou AL CASTELLANOS AND HIS ORCHESTRA.

Aquí está co seu "Mambo in Coruña".


No hay comentarios:

Publicar un comentario