jueves, 19 de abril de 2012

FOI RECTOR DO SEMINARIO DE SANTIAGO

Seminario Menor da Asunción. Belvís. Santiago de Compostela


ADEUS Ó BISPO EMÉRITO
MONSEÑOR CERVIÑO



TAL COMO ERA O SEU DESEXO, MAÑÁ POLA TARDE RECIBIRÁ SEPULTURA CRISTIÁ NUNHA CAPELA DA CATEDRAL DE TUI, A DO SANTÍSIMO

Coa Súa Santidade o Papa Xoán Paulo II


O FUNERAL DE EXEQUIAS SERÁ PRESIDIDO NA CATEDRAL TUDENSE POR MONSEÑOR XULIÁN BARRIO BARRIO, ARCEBISPO DE SANTIAGO


Co Cardeal Don Fernando Quiroga Palacios


MONSEÑOR QUINTEIRO FIUZA, BISPO DE TUI-VIGO, OFICIARÁ O SÁBADO NA CONCATEDRAL VIGUESA UN FUNERAL POLO SEU ETERNO DESCANSO


Foi Bispo Aux. de Santiago e Bispo de Tui-Vigo


O FINADO LEVOU AS RENDAS DO SEMINARIO MENOR DA ASUNCIÓN, DE BELVÍS, SANTIAGO, CANDO HABIA CENTOS DE SEMINARISTAS


Nunha rolda de prensa na cidade olívica


Acabamos de despedir en Puerto Rico, esta mesma semana, ó Cardeal Aponte Martinez, arcebispo emérito de San Juan, e mañá teremos que dicir adeus con tristura a Monseñor Xosé Cerviño Cerviño, bispo emérito da diócese de Tui-Vigo, finado na madrugada do mércores nunha clínica viguesa. Tiña noventa e un anos e, como me comenta o amigo Antonio Puertas, poeta de Camariñas e tamén seminarista na súa adolescencia, para moitos de nós, mais que o Bispo do Morrazo, como se lle ten chamado con agarimo, ou o Bispo de Aldán, a parroquia onde naceu, Don Xosé será sempre o noso Reitor, o Reitor do Seminario Menor da Asunción de Santiago de Compostela, que dirixiu ó longo de trece anos cunha entrega exemplar en tempos tan difíciles.

Tal como era o seu desexo, descansará para sempre na Capela do Santísimo da catedral tudense, que foi a súa como bispo. Ó día seguinte, sábado, o actual bispo titular da diócese, Monseñor Luís Quinteiro Fiuza, prezado compañeiro de estudos, formado tamén na gran casa de Belvís, oficiará un funeral polo seu eterno descanso na concatedral viguesa de Santa María.


Durante 13 anos foi Reitor do Seminario Menor



A páxina oficial da Diócese de Tui-Vigo anunciaba deste xeito o pasamento do Bispo Emérito Monseñor Cerviño:

     Ás cinco da madrugada do día de hoxe (18 de abril), faleceu na Clínica Povisa Mons. José Cerviño Cerviño, Bispo Emérito de Tui-Vigo, tras un curto período de enfermidade e hospitalización, vivido con exemplar sentido cristián. fora trasladado, desde a Residencia Sacerdotal "Nosa Señora da Guía" onde vivía, a ese centro hospitalario nos días centrais da semana Santa, ao haberse agravado considerablemente o seu estado de saúde.

VELORIOS E FUNERAL

A capela ardente estará instalada na Concatedral viguesa de Santa María, a partir da tarde de hoxe mércores, ás 20,30 horas. Ás 21 horas terá lugar o rezo comunitario de Vésperas, permanecendo o templo aberto para a velación dos seus restos ata ás dez da noite.

Ás 9,30 da mañá do xoves rezaranse láudes na Concatedral viguesa, permanecendo aberto o velorio ata que ás 19 horas os restos mortais de Mons. Cerviño sexan trasladados á Catedral de Tui, na que se rezarán as Vésperas ás 20,30 do xoves e Láudes ás 9,30 da mañá do día seguinte, sendo velado o seu corpo ata as 17 horas do venres, hora á que se iniciará o Funeral de Exequias presidido por Mons. Julián Barrio, Arcebispo de Santiago de Compostela. Mons. Cerviño recibirá cristiá sepultura, como era o seu desexo, na Capela do Santísimo da sede catedralicia

O vindeiro sábado ás doce do mediodía Monseñor Luís Quinteiro Fiuza oficiará un Funeral na Concatedral viguesa de Santa María.



DATOS BIOGRÁFICOS

         Monseñor Cerviño nacera o 21 de agosto de 1920 en San Cibrán de Aldán, concello de Cangas do Morrazo, na Ria de Vigo. Estudou Humanidades no Seminario Diocesano de Tui de 1933 a 1940. Despois, cursou Filosofía e Teoloxía no Seminario Diocesano de Santiago de Compostela entre os anos 1940-1946. Era licenciado en Dereito Canónico pola Universidade Pontificia de Salamanca (1947-1949).


CARGOS PASTORAIS

         Foi coadxutor na parroquia de San Miguel dos Agros en Santiago de Compostela de 1946 a 1947 e Consiliario Diocesano dos Mozos de Acción Católica no mesmo ano. Dirixiu a revista Ultreia tamén da AC entre 1949 e 1952. Asimesmo, foi vicerreitor do Seminario Diocesano de Tui (1949-1953), formador no Seminario Maior de Santiago (1953-1955) e Reitor do Seminario Menor de Santiago (1955-1968). Tamén se desempeñou como Cóengo Penal da Catedral de Santiago (1964-1968) e profesor de Relixión na Universidade de Santiago (1966-1968).

         Foi nomeado Bispo Auxiliar de Santiago o 28 de xullo de 1968, exercendo como tal ata 1975. En 1976 foi nomeado Bispo de Tui-Vigo, cargo que desempeñaría ata 1996. Desde esa data e como Bispo Emérito viviu na Residencia Sacerdotal "Nosa Señora da Guía", colaborando sucesivamente, na medida en que llo permitía a súa saúde, cos Bispos que lle sucederon, Monseñor Diéguez Reboredo e Luís Quinteiro Fiuza. Outros cargos que desempeñou foron os de Presidente da Comisión Interdiocesana para a Liturxia en Lingua Galega (1969) e Presidente da comisión Mixta para o Patrimonio da Igrexa en Galicia (1985).


VIGUÉS DISTINGUIDO
FILLO PREDILECTO

         Na Conferencia Episcopal Española (CEE) foi membro das Comisións Episcopais de Seminarios (1968-1981), de Caridade e Promoción Social (1975-1978) e de Límites (1978-1981/1987-1996). Pertenceu tamén á Comisión de Liturxia (1978-1981); Misións e Cooperación entre as Igrexas (1981-1990) e Patrimonio Cultural. De 1992 a 1975 foi membro da Comisión Permanente da CEE. Entre as distincións de que fora obxecto figuran duas moi sobranceiras: a de Vigués Distinguido e a de Fillo Predilecto do seu concello natal, o de Cangas de Morrazo.

Seminaristas de Camariñas nos tempos do Reitor Cerviño


UN APUNTE CAMARIÑÁN

        Don Xosé Cerviño coñecía moi ben Camariñas, onde, durante anos foi párroco o seu mellor amigo, Don Xosé Álvarez Cabeza. Fixeran amizade no Seminario de Santiago, pensó que no de San Roque, onde ámbolos dous cursaron Filosofía e Teoloxía, e sempre tiveron unha relación exemplar. Eran tempos nos que cada parroquia tiña un bo puñado de rapaces no Seminario de Belvís, que eran visitados regularmente polos párrocos. Monseñor celebraba sempre a Misa dos domingos, que unía ás comunidades de maiores e de menores. Ainda lembro aquela entrada solemne que facía sempre, ó son dunha marchiña que o organista Noya bordaba no armonium e só lle tocaba a el. Logo, na homilía, Monseñor adoitaba botar uns cantos “ciertamente” cando non sabia moi ben por onde tirar ou andaba en percura da verba axeitada. Había algún que ata estaba pendente de contalos. Rapazadas, claro. Eu sempre lle estarei agradecido. E moitos outros tamén, seino moi ben. É de xustiza.

Dormitorios da comunidade de menores de Belvís


No seu honor, recollemos a seguir o poema que acaba de escribir Antonio Puertas, publicado en “Quinta do 57”, a páxina dun colectivo de exseminaristas que se formaron con Don Xosé Cerviño e o seu equipo no Seminario Menor de Santiago de Compostela.


ADEUS DON XOSÉ

Polos ventos de Aldán están a chegar
bágoas que achegarán a Compostela;
anegarán as terras de Breogán
e as chuvieiras laiarán por toda ela.

Están a falar, pingando polo chan.
Din que quen fora noso señor, finou;
Don Xosé, nobre cabaleiro cristián,
que, noutros tempos, en Belvís adestrou.

¡ Adeus, Don Xosé ! Xa estou a ver a Asunción
baixar do pedestal e erguer, con himnos,
pa que, cos anxos, descanse en paz de deus,
e, dende aló, ben alto, vele por nos.

Antonio Puertas


Deus, o Noso Pai, o teña na gloria

No hay comentarios:

Publicar un comentario