viernes, 6 de abril de 2012

A PARROQUIA GARDA IMAXES DE FERREIRO


SEMANA SANTA
EN CAMARIÑAS




A conmemoración da Paixón e Morte do Noso Señor Xesús Cristo, que  cada ano facemos nos dias que no mundo cristián coñecemos como Semana Santa e en Puerto Rico tamén como Semana Maior, sempre tivo en Camariñas un eco especial. E moitas anécdotas. Os que vivímo-la nosa nenez na vila das palilleiras nos anos cincuenta temos moi presentes aínda aqueles Domingos de Ramos, nos que o lembrado Pedro Celta Pérez Postigo -Tito do Carteiro para os amigos- entraba na igrexa parroquial de San Xurxo co ramo máis grande de todos. Chegaba case ata o teito e para introducilo no templo precisaba sempre de varios “secretarios”, que el sabía reclutar entre o mellor de cada casa.


¿Qué dicir tamén das procesións dos “caladiños” e do “encontro”, sempre tan concorridas? Na nosa memoria seguen presentes a imaxe do templo parroquial cuberto de grandes colgantes morados, o son estremecedor das carracas -o Venres Santo-, e o ledo repinicar das campaíñas -tódalas que había na sacristía, nin unha menos- na noite do sábado.


Ademáis, a Semana Santa camariñá non era só unha demostración de fé e relixiosidade popular, senón tamén artística. Era grande o número de imaxes que percorrían en procesión as rúas da nosa vila e, entre elas, destacaban e seguen a destacar hoxendia as saídas do obradoiro do escultor noiés Xosé Ferreiro, un dos máis grandes artistas que deu Galicia, que ten unha boa mostra do seu labor no templo que mandou levantar, enteiramente á súa costa, o noso paisano Domingo Antonio Rodríguez Canosa, ilustre fillo do lugar do Cotro, na aldea de Buria, emigrante noutrora no actual México.


De Ferreiro hai que ver en Camariñas, non só o altar maior da igrexa parroquial, onde están as soberbias tallas de San Xurxo -o patrón-, e a Virxe do Monte, a nosa patrona, xunto coas de San Francisco e San Domingos, que fixo entre 1790 e 1795. Sobre todo en Semana Santa, é obrigado deterse diante dos altares da flaxelación e do Nazareno, á esquerda do templo, que son, a xuicio dos expertos, dúas excelentes aportacións do discípulo de Gambino ó movemento de renovación artística do século XVIII.


O alcalde e demais autoridades inaugurando a mostra deste ano
 (Foto: camarinas.eu)




No hay comentarios:

Publicar un comentario